Abrirá inscricións o luns 12 de setembro, con prazas limitadas Neda, 9 de setembro de 2022. O Concello abrirá inscricións este luns e martes, 12 e 13 de setembro, nun novo itinerario guiado do programa “Descubrindo Neda”: a Ruta por Anca. Celebrarase o vindeiro mércores 14 de setembro a partir das 17:00 horas, e permitirános achegarnos a algún dos puntos máis destacados da parroquia.
Un deles, a igrexa parroquial de San Pedro, converterase no punto de partida deste percorrido circular. De dúas horas de duración, continuará ata o lugar de Galanos, con visita á fonte e lavadoiro que, posiblemente conformen o conxunto máis antiguo da vila. Tamén neste punto, as persoas participantes poderán acceder ó cruceiro e igrexa de Nosa Señora dos Remedios para logo iniciar o ascenso de volta.
As prazas son limitadas, e a inscrición na ruta, gratuíta e guiada pola técnica de Turismo, Victoria Fornos, debe formalizarse no Albergue 682 623 335 (de 10:30 a 16:00 h) ou correo maría.fornos@neda.gal