— Estas axudas concedéronse a través da orde de entidades 2020-22 e das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF do ano 2021
— Lembra que esta semana o Diario Oficial de Galicia publicou a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para este ano 2022 dotada con 19,1 millóns de euros
— Así mesmo, atópase en prazo de resolución a nova orde de axudas a entidades que conta cun investimento de 7,2 millóns de euros
— O director xeral visitou a continuación o Fogar Son Eusebia destinado a acoller e axudar ás persoas en situación de rúa
A Coruña, 9 de setembro de 2022.- A Xunta destinou preto de 800.000 euros ao Comité Antisida da Coruña para financiar os seus programas e centros de acollida a través da orde de axudas a entidades e do 0,7% do IRPF. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe as instalacións desta entidade.
Arturo Parrado puxo en valor o traballo desta organización na loita pola inserción, solidariedade e igualdade das persoas con sida. Destacou que o Goberno galego apoia as súas iniciativas como o funcionamento dos seus centros de acollida, os servizos de asesoramento e atención continuada ou a posta en marcha de programas de inserción.
O director xeral achegouse a continuación ao centro de acollida Fogar Sor Eusebia que ofrece axuda e asistencia básica ás persoas en situación de rúa. O Goberno galego colabora tamén con esta organización a través da orde de entidades 2020-22 cunha partida de preto de 300.000 euros.
Novas ordes de axuda
O Diario Oficial de Galicia publicou esta mesma semana a orde de axudas con cargo á casilla social do 0,7% do IRPF para este ano 2022 dotada con 19,1 millóns de euros. Así mesmo, o director xeral lembrou que se está a tramitar a resolución da orde de axudas a entidades publicada o pasado mes de agosto e que conta cun orzamento de 7,2 millóns de euros.
Estas axudas garantirán o financiamento básico dos centros de inclusión e emerxencia social da nosa comunidade tales como albergues, comedores sociais, servizos de reparto de alimentos ou centros sociais de atención continuada. Todos estes programas, ademais, recibirán con esta nova orde de entidades ata un 40% máis de financiamento por cada un dos seus usuarios que en convocatorias anteriores.