Estamos xa na recta final do verán. Aos días xa se lles nota, semella que o tempo vai collendo maneiras de outono e, como se adoita dicir, todas e todos, rapazada e xente adulta, temos que volver á rutina despois das vacacións. Tamén chegamos ao momento de rematar o programa de rutas xeolóxicas estivais, ao que se lle porá o ramo o próximo mércores 14 coa Xeorruta do Granate. Antes daquela teremos oportunidade de facer o percorrido dos Cantís, o das Praias das areas negras, a Xeorruta Marítima ofrecida por Rutas Cedeira e tamén os itinerarios do Cromo e do Limo, que discorren pola marxe costeira da Capelada. Parte deles están xa completos, pero noutros aínda quedan prazas dispoñibles. As reservas -agás para a ruta marítima- deben facerse a través da nosa central en liña. Cómpre ter en conta que as saídas poden sufrir variacións ou cancelarse dependendo dos avances meteorolóxicos.
Venres 9 de setembro, 16:30 a 19:30h: Xeorruta dos Cantís (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Para a tarde deste venres resérvase un percorrido doado desde o miradoiro do Chao do Monte -preto de Santo André- para descubrirmos a Serra da Capelada, unha salientable estrutura xeolóxica de máis de 400 m de altitude.
Observaranse distintos tipos de rochas que hai millóns de anos se atopaban a 70 km de profundidade, algo que podemos ver en varios lugares do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal, exemplo único do denominado contexto xeolóxico do Oróxeno Varisco Ibérico. Máis info e reservas aquí.
Sábado 10 de setembro, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). PRAZAS COMPLETAS. Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade -os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo- e pola posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa, o que nos ofrece unha perspectiva espectacular da paisaxe.
Recomendamos visitar a central de reservas por se quedasen prazas por mor de cancelacións de última hora. Insistimos en que tanto esta xeorruta como a do Granate son itinerarios de certa dificultade e con tramos perigosos que cómpre facer na compaña de persoas que coñezan ben o terreo e sempre con boas condicións atmosféricas.
Sábado 10 de setembro, 17:00h: Xeorruta marítima con Rutas Cedeira. Mínimo 8 e máximo 12 prazas. (50€/p) A ruta marítima organizada pola empresa de turismo activo Rutas Cedeira ten completo o cupo do martes 23 e está a puntiño de completarse tamén o do venres 26 pola tarde. Partindo do peirao vello de Cedeira percórrese a costa do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal até Os Aguillóns descubrindo como se formaron os cantís máis altos da Europa continental e tamén outras peculiariedades da paisaxe que, vistas desde o mar, cobran unha nova dimensión.
As reservas deben efectuarse no teléfono 722 615 382. O prezo son 50€, incluído seguro. As saídas están condicionadas ao estado do mar.
Domingo 11 de setembro, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). Máximo 20 prazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita. No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.
Domingo 11 de setembro, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares que co paso do tempo foron adquirindo formas sumamente curiosas e rechamantes.
Isto, unido a que o percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, farán desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.
Mércores 14 de setembro, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira), última do verán. Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pesca desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con presenza de granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.
Esta ruta xeolóxica é para moitas das persoas que xa a fixeron unha das máis espectaculares de todas cantas se ofrecen pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido ao desnivel que acumula e á presenza de tramos con pedra solta, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. Debido á duración da actividade tamén se recomenda levar comida lixeira -barras enerxéticas, froita ou outros sólidos- ademais de auga.