A exposición fotográfica inaugrarase este luns 12 de setembro ás 20:00h
O Club Raza Can de Palleiro é o responsable do rexistro xenealóxico deste tipo de can do país que se encontra en perigo de extinción. Desde hai varios anos a entidade ocúpase de promover a recuperación da raza levando conta do número de exemplares e do seu historial familiar, co obxectivo de que se manteña a pureza das súas características e de que estas estean avaladas documentalmente. Ademais o club tamén desenvolve accións de difusión como por exemplo a mostra fotográfica que abrirá este luns 12 de setembro ás 20:00h na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín.
A exposición está composta por 40 imaxes de gran formato que reflicten as características morfolóxicas da Raza Can de Palleiro, un tipo de animal de tamaño medio,de constitución forte, feituras próximas ás do lobo e cor da capa normalmente uniforme, que pode ir desde tonalidades area ata as negras pasando por canelas, castañas e grises escuras.
Así, na mostra veremos poses de cans, cadelas e cachorros que nos axudarán a apreciar a súa fisonomía, pero que tamén nos transmitirán unha idea sobre o seu carácter. Tal e como se describe na web do club, esta raza autóctona posúe aptitudes para o pastoreo e para a garda, ademais de ser dócil coa xente da casa.
A exposición fotográfica permanecerá en Fene desde o 12 até o 29 de setembro e poderá visitarse de luns a venres en horario de 10 a 13 e de 16 a 21:00h, mentres que os sábados só abrirá pola mañá, de 10 a 13:00h.
Trátase dunha actividade itinerante que está percorrendo distintos concellos galegos como parte das accións de difusión da raza e do traballo que desenvolve a entidade.
O Club Raza Can de Palleiro, fundado como asociación en 2002, é o único autorizado e recoñecido pola Xunta de Galicia para xestionar o libro xenealóxico da raza e, polo tanto, verificar o “pedigree” das femias e machos e da súa descendencia. O número de exemplares rexistrados dentro e fóra de Galicia achégase aos 3.000.