• A nave, de 18 metros de eslora, atópase moi deteriorada debido ao paso do tempo e ás inclemencias meteorolóxicas.
• As tarefas deberán estar rematadas antes de que finalice o mes de outubro.
O Concello de Laxe está realizando traballos de restauración dunha embarcación de baixura que se atopa nun dos accesos ao núcleo da vila para poñer en valor este ben tan significativo para o municipio a nivel cultural.
O proxecto, denominado ‘Posta en valor e musealización da carpintería de ribeira e dos diferentes tipos de embarcacións de pesca do concello de Laxe’, conta cun orzamento total de 18.131,85 euros, sendo o 85% financiado polo GALP Costa da Morte.
Dito barco, que 18 metros de eslora, atópase nunha parcela de titularidade municipal que está destinada a merendeiro e zona de ocio. Sen embargo, o paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas provocaron o rápido podrecemento da nave, un problema que tamén se estende á veciñanza e turistas que se achegan ata a zona ao ver diminuída a súa seguridade.
No plan de actuacións contémplase a recuperación da estrutura de madeira deixando á vista as cuadernas, quilla, a roda e o codaste, ademais de tratar a madeira e suxeitar os barraganetes existentes. As tarefas para acometer estas intervencións realízanse in situ, ao igual que sucederá coa colación dunhas letras de madeira co topónimo do pobo.
Por outra banda, procederase á colocación de dous paneis informativos realizados en madeira de pino vello tratado, con pilares de madeira de 90×90 cm e impresión sobre soporte de aluminio con parafusos en aceiro galvanizado. Para a realización dos mesmos empregarase material do arquivo fotográfico Vidal que reflicta o oficio e as embarcacións tradicionais co fin de poñer en valor o patrimonio cultural da zona.
Todas estas tarefas deberán estar rematadas antes de que finalice o mes de outubro.
Desde o Concello móstranse convencidos de que os traballos de restauración “superarán as expectativas e, sobre todo, permitirán que recuperemos un elemento ornamental que forma parte da nosa esencia como vila mariñeira”.