As actividades comezarán o venres co festival benéfico Eviña Sons e o sábado concentrarase gran parte do calendario con actuacións musicais durante todo o día, un xantar popular e unha sesión de cantares de cego
As festas dos barrios continúan animando as rúas e prazas da cidade, no marco da programación lúdica do Concello da Coruña, achegando as actividades lúdicas, deportivas e culturais a todos os puntos da cidade
As festas dos barrios da Coruña continúan animando as rúas e prazas da cidade con actividades lúdicas, deportivas e culturais, no marco da programación de festas do Concello da Coruña. Esta fin de semana é a quenda da parroquia de San Vicente de Elviña, que agrupa os núcleos de Elviña e Castro de Elviña, e que celebrará por todo o alto as súas tradicionais festas. Música tradicional, xogos infantís, sesión vermú, un xantar popular ou cantares de cego centrarán o programa de actividades, que se celebrarán na praza Emilio Jaspe Deza, cunha espazo cuberto para poder gozar a festa en caso de choiva.
O calendario iniciarase o venres 9, co festival benéfico Elviña Sons. Comezará ás 20.30 horas e contará coas actuacións de ‘Adhara and Ritman’, ‘Menuda Txusta’, ‘Briza’ e ‘O pau que vira’. Xa o sábado está programada a actividade central das festas, co pregón a cargo da coñecida atleta e veciña do barrio Marujita Tasende, a partir das 12.30 horas. A continuación actuará a banda de gaitas da Asociación Cultural Tempo Novo e xa ás 13.30 horas, ‘Os viqueiras de Ordes’ animarán o xantar popular. Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, Carlos Casas, Pablo e Miguel Rosales ofrecerán unha escolma dos tradicionais Romances e Cantares de Cego. A continuación, os ‘Contiños da Feira’ darán paso á actuación de ‘Maghúam’, a partir das 20.30 horas, á que seguirá o concerto de ‘Caamaño e Ameixeiras’, para concluír, a partir das 23.30 horas, con ‘Tanto nos ten’.
A xornada do domingo 10 será a de clausura, e comezará cun espectáculo de rúa de ‘Cántigas da Terra’ a partir das 11.30 horas. Ás 14.00 horas non podía faltar a sesión vermú, a cargo de ‘Os juanpiños’ e, xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, será a quenda dos xogos populares e tradicionais, con Eira Xandobeleira. A xornada concluirá dedicada á rapazada, co espectáculo infantil de ‘Pakolas’, titulado ‘Cores, Contos e Rock’n Roll’.