O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asinou esta mañá tres convenios por un valor total de 99.000 euros co obxecto de subvencionar a entrega de bonos de aparcadoiro á clientela e dinamizar así o sector. Os acordos subscritos foron coas asociacións comerciais Compostela Monumental, Santiago Centro e Punto Compostela.
O convenio de maior contía foi o asinado coa Asociación de empresarios e profesionais centro comercial aberto Compostela Monumental e o seu presidente José Manuel Bello Rey, cunha achega total de 35.000 euros para o desenvolvemento dun programa de reactivación de compras mediante a entrega de bonos de aparcadoiro.
Co mesmo fin, o alcalde tamén asinou esta mañá un convenio por valor de 32.000 euros coa Fundación Santiago Centro Área Comercial e o presidente do seu Padroado, José María Fernández Fernández. A mesma cantidade recibirá a Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto tras a sinatura do convenio entre o Concello e o presidente da entidade, José Antonio Seijas Castro.
As asociacións canalizarán as peticións do comercio local, asociado e non asociado, para acceder a bonos de aparcadoiro que posteriormente entregarán á súa clientela polas compras realizadas. O programa persegue a reactivación do comercio local, pola achega importante de recursos que reciben, á vez que estes fidelizan á súa clientela.
A medida, consensuada co sector, xa se puxera en marcha hai dous anos, dentro programa de reactivación económica e social municipal deseñado para paliar os efectos económicos adversos derivados da crise sanitaria provocada pola COVID- 19.