O Pazo da Cultura acollerá mañá, ás 20.00 horas, unha mostra aberta –dirixida ao público xeral- do proceso de creación da bailarina e creadora Elvi Balboa e do bailarín e creador Ignacio J. Cabello, titulado Knifelike. A iniciativa enmárcase no programa Residencias Paraíso 2022.
Knifelike é un proxecto multidisciplinar que provoca o encontro/xogo/fusión entre a instalación, o movemento e o son, onde as disciplinas se dilúen para que se reflexione sobre as relacións da corporalidade do individuo coa súa imaxe virtual. Tanto Elvi como Ignacio investigan a obsesión por construír a identidade por medio da visualización do reflexo na propia imaxe, tal e como consta no proxecto.