A Corporación aproba a modificación da ordenanza de axudas de conservación e rehabilitación para mellorar a xestión das axudas do proxecto de monitorización enerxética
O Concello da Coruña celebrou hoxe o pleno ordinario do mes de setembro, o primeiro do novo curso político. Na sesión, a Corporación aprobou o cambio de usos das parcelas situadas na contorna do Hospital Universitario da Coruña onde está prevista a ampliación e renovación do centro.
Neste espazo, dentro do proxecto da primeira fase do novo CHUAC, estarán localizados os servizos administrativos do hospital e o novo hotel de pacientes. Será un edificio de planta rectangular situado no noroeste da actual localización do CHUAC, cunha superficie construída de aproximadamente 13.700 metros cadrados, repartida en 16 andares, 12 sobre rasante e catro baixo rasante.
O Goberno de Inés Rey amosa deste xeito o seu compromiso con este novo equipamento que permitirá mellorar a atención sanitaria dos coruñeses e coruñesas e ao resto de usuarios e usuarias do hospital na provincia. Esta futura construción será a primeira edificación do novo complexo e estará conectado co CHUAC mediante unha pasarela elevada. Nas seguintes fases, o novo hotel de pacientes conectará co resto de bloques que constituirán o complexo.
Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Mobilidade, Infraestruturas e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, para que o novo edificio encaixe nunha calificación compatible resulta necesario que o terreo ocupado teña a calificación de equipamento sanitario. Isto só é posible reordenando o quinteiro e modificando o linde.
Ordenanza de axudas de conservación e rehabilitación
O pleno tamén aprobou de maneira definitiva a modificación da Ordenanza reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas. O obxectivo de ditos cambios é adaptar este documento ao proxecto de monitorización enerxética que leva a cabo o Concello en 60 vivendas a través de Eidus Coruña, explicou o concelleiro Díaz Gallego. Esta modificación, na que se estimou unha alegación recibida, permitirá ás persoas subscritas ao programa gozar de beneficios á hora de solicitar axudas municipais de eficiencia enerxética.
Tomouse, desde o Concello, a decisión de aplicar estes cambios ante a posibilidade de ampliar ou dar continuidade a este proxecto piloto financiado con fondos FEDER. Por outra banda, o novo texto apróbase cunha achega do grupo municipal da Marea Atlántica para que a primeira convocatoria de axudas tras a aprobación da ordenanza reduza o tempo mínimo dun ano para que as persoas cun equipo de monitorización enerxética gocen dunha maior puntuación á hora de optar ás subvencións.
Este texto tamén mellora outros dous aspectos da normativa. Por unha banda, establece o pagamento anticipado do 100 % das axudas a comunidades e propietarios. Por outra, establece un aval para persoas con débedas coa Administración.
Apoio aos traballadores de Teleperformance
A alcaldesa leu no pleno unha declaración institucional de apoio aos traballadores da empresa Teleperformance. A firma, que ofrece servizos de atención ao cliente para o grupo Naturgy, verase moi afectada pola decisión da enerxética de levar a Colombia o 80 % do servizo que hoxe presta desde A Coruña. A Corporación, de xeito unánime, amosou o seu apoio aos traballadores e traballadoras e demanda da compañía de electricidade e gas que reconsidere o seu modelo e garanta os postos de traballo así como a calidade da atención que se presta desde A Coruña.
Durante o pleno tamén tivo lugar a toma de posesión de Miguel Lorenzo como novo concelleiro do grupo do Partido Popular. Ademais, a edil do grupo da Marea Atlántica, Claudia Delso, presentou a súa renuncia na sesión.