Saturday 16 de November de 2024

Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 aposta polo talento das bandas emerxentes co ciclo Novas Músicas en Galego


A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca poñer en valor o talento das novas xeracións de músicos galegos

O festival do Monte do Gozo acollerá actuacións de 18 grupos emerxentes os días 24 e 25, así como unha macro actuación de A Casa do Rock o día 25

As Novas Músicas en Galego terán o seu espazo en Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22. O festival que está a celebrarse no Monte do Gozo acollerá, o fin de semana do 24 e 25 de setembro, a actuación de 18 grupos emerxentes de Galicia e unha macro actuación simultánea de 500 músicos da escola compostelá A Casa do Rock.

A presentación desta proposta musical tivo lugar esta mañá no Pazo de San Roque. Nela participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; un integrante da organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22, Julio Asorey; e o director da escola de música A Casa do Rock, Adrián Hernández.
Valentín García fixo fincapé “na necesidade de apoiar aos artistas emerxentes da música de actualidade en lingua galega no marco das actuacións do Xacobeo 21-22, no que o galego ten que ser un sinal de identidade, sendo labor da Xunta impulsar e animar este tipo de actuacións”.

Así, o escenario de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá, entre o sábado 24 e o domingo 25 de setembro (a partir das 17:30 horas), a actuación de 18 bandas emerxentes procedentes das escolas Rock School de A Coruña e A Casa do Rock de Santiago de Compostela. Cada día participarán un total de 9 bandas, integradas todas elas por mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, que subirán ao escenario do Monte do Gozo para achegar ao público as súas propostas en quendas de 25 minutos.

Xa o domingo terá lugar tamén, a partir das 16:00 horas, unha macro actuación organizada por A Casa do Rock, que reunirá a máis de 500 músicos para tocar en vivo dúas pezas: Terra, de Tanxugueiras -as tres integrantes do grupo foron alumnas da escola- e Forza pra un mundo libre, a versión en galego creada polo centro compostelá do mítico tema de Neil Young Rocking In The Free World.

En relación ao evento, Julio Asorey quixo “dar as grazas en nome da organización” á Secretaría Xeral de Política Lingüística polo seu apoio ao festival. “Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 naceu co obxectivo de dotar dun espazo de seu aos artistas galegos emerxentes. Así o fixemos o ano pasado e así estamos a facelo nesta segunda edición, máis aínda coa inclusión no noso programa do ciclo Novas Músicas en Galego, que estamos encantados de acoller no Monte do Gozo”.

Pola súa banda, Adrián Hernández manifestou o seu agradecemento á organización de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 “por reservar un espazo para a música rock dentro do seu festival por segundo ano consecutivo”, e á Xunta “por continuar apoiando á base formativa que sustenta o futuro da música galega”.

Música electrónica e unha xornada benéfica para pechar setembro
Máis aló destas actuacións, Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 tamén terá outras dúas datas sinaladas este mes de setembro: un festival de DJs o venres 16, no que participarán catro recoñecidos picadiscos do panorama galego; e a xornada solidaria Día da Irmandade entre a cultura galega e ucraína, que buscará dar a coñecer a cultura do país a través dunha mostra de danza, música e postos de artesanía cuxa recadación irá destinada aos afectados pola guerra.

Sobre Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22
A segunda edición de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 fixo do Monte do Gozo o lugar idóneo para o lecer estival. Esta segunda edición conta co apoio da Xunta de Galicia, Estrella Galicia e, no caso do ciclo Novas Músicas en Galego, coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.