Friday 22 de November de 2024

A Escola Municipal de Música mantén unha xuntanza co alumnado e a veciñanza de Ordes


Ademais do director do centro ao encontro tamén acudiron o alcalde e as concelleiras de Educación e Medio Rural

A directiva da Escola Municipal de Música mantivo un encontro co estudantado e coa veciñanza en xeral para informar sobre o novo curso que dará comezo en breve. Unha convocatoria á que tamén acudiron o director da escola, Manuel Otero; o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo; e as concelleiras de Medio Rural e Educación Ana Soneira e Susana García respectivamente.

Todas e todos os asistentes, en moitos casos pais e nais do alumnado, encheron o local situado nos baixos da Alameda onde tivo lugar o encontro. Alí resolvéronselles todas as dúbidas e explicáronselles todas as novidades que este ano se inclúen no novo plan de estudos deseñado para esta nova etapa do centro. Entre outros aspectos abordouse a ampliación do número de profesorado, horarios, a inclusión de clases individualizadas ou a impartición de materias como música moderna e clásica, música moderna e movemento para os cativos e cativas, entre outras.
Ata o vindeiro venres, 25 de setembro, a Escola Municipal de Música de Ordes manterá aberto o prazo para inscribirse nas actividades e clases organizadas para este novo curso. Óboe, clarinete, frauta, saxofón, fagot, trompeta, tromba, trombón, bombardino, tuba, percusión, guitarra e piano son os instrumentos aos que se pode optar. En función dos tres niveis que se establecen tamén se poden optar a clases de música e movemento, conxunto instrumental, linguaxe musical, banda xuvenil e big band, harmonía e composición, banda xuvenil, big band e preparación para o conservatorio. Aquelas persoas que desexen obter máis información pódena solicitar no Departamento de Educación, ou ben chamando ao 981680002 extensión 4.