Friday 22 de November de 2024

A Xunta financia a adquisición dun vehículo adaptado para os centros de atención de Afaco na Coruña


— Destináronse 26.000 euros a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

— Lembra que o Diario Oficial de Galicia publicou esta semana unha orde de axudas para que as entidades sociais constrúan ou rehabiliten centros de atención a maiores e persoas con discapacidade dotada con 13 millóns de euros

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta maña a sede da Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (Afaco). A Xunta financiou a adquisición dun vehículo adaptado para os seus centros de atención a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), para o que se destinou unha partida de 26.000 euros.

O director xeral destacou que o Goberno galego segue confiando no tecido asociativo porque ten demostrado ser quen de atender as necesidades das persoas maiores e ás súas familias. Neste sentido, lembrou que o Consello da Xunta aprobou un paquete de axudas destinado a que as entidades poidan seguir prestando uns servizos de calidade ao maior número de persoas posible.

Entre estas axudas, concretou, atópase unha nova orde con cargo ao 0,7% do IRPF para este ano dotada de 19,1 millóns de euros e que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días. Así mesmo, esta mesma semana publicouse a convocatoria de axudas para que as entidades sociais poidan construír ou rehabilitar centros de atención a maiores ou a persoas con discapacidade e que contará cun orzamento de 13 millóns de euros.