Friday 22 de November de 2024

A Xunta dá a benvida aos nenos da Escola Infantil as Mariñas, na Coruña, no primeiro ano 100% gratuíto


— Esta medida permitirá que as familias non teñan que pagar nada pola atención educativa dos seus nenos de 0-3 anos durante un máximo de oito horas ao día

— Estase a aplicar en todos os centros de Galicia independentemente da súa titularidade e beneficia a máis de 30.000 familias

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica Mariñas, na Coruña, onde lle deu a benvida os nenos que inician esta semana o novo curso 2022-23, o primeiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todas as familias galegas por un máximo de oito horas ao día.

Jacobo Rey puxo en valor esta medida, impulsada pola Xunta de Galicia, que suporá un aforro de entre 1500 e 2000 euros ao ano para máis de 30.000 fogares. Así mesmo, apuntou que se trata dunha iniciativa pioneira que se aplicará en todos os centros independentemente da súa titularidade, o que permitirá que as familias escollan a escola que mellor se adapte ás súas necesidades.

O director xeral destacou que o obxectivo do Goberno galego é facilitar ao máximo a conciliación das familias e poñer á súa disposición o maior número de servizos posible. Un labor, apuntou, que debe ser compartido por todas as administracións públicas co fin de facer máis doado o día a día dos galegos.