Friday 22 de November de 2024

O concello investirá 227.000 euros na mellora do complexo deportivo da piscina municipal


O alcalde e a concelleira de Deportes mantiveron unha reunión con responsables do estudo de arquitectura que redacta o proxecto e da empresa concesionaria da xestión das instalacións.

O Concello sacará a licitación nos próximos días o proxecto de renovación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha e o subministro das novas máquinas do ximnasio. No Pleno ordinario do pasado mes de xullo xa se dera luz verde ao suplemento de crédito por un importe de 227.000 euros para financiar ambos contratos con fondos municipais procedentes do remanente líquido de tesourería, que entrou en vigor o 31 de agosto coa publicación da aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia (BOP), o que permite iniciar agora os trámites administrativos dos procedementos de contratacións.

No día de hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, mantiveron unha reunión de traballo cos responsables do estudo de arquitectura Naos, encargado da redacción do proxecto, e da empresa concesionaria da xestión e explotación desas instalacións municipais, Hebe Sport, para ultimar os detalles da actuación.

O amplo e ambicioso proxecto -xunto co subministro das máquinas- contempla varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Así, na zona do ximnasio será substituída toda a maquinaria cardiovascular, de musculación e de peso libre incorporando novos equipos de alta gama. Tamén será renovado o pavimento, prevendo a instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización.

Na zona do vaso da piscina contémplanse intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.
Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.
Unha vez executado este proxecto, o Concello sacará a concurso o novo contrato de xestión do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, que conta actualmente con 1.600 usuarios.