O tramo da rúa do Castelo na súa conexión coa AC-305 está sendo obxecto dunhas obras de reparación que rematarán antes das festas do Nazareno, ao ser unha das vías pola cal discorre a procesión. A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), explica que os traballos consisten no corte do pavimento, na fresadura, no envío do sobrante a un vertedoiro autorizado, na extensión de formigón e na colocación de pedra similar á xa existente na contorna e tapas nos rexistros de recollida de pluviais.
A empresa que se atopa executando esta intervención é Fermín Simal SL por un importe de 8839’65 euros, IVE incluído, con cargo ás arcas municipais.
Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), detalla que se trata dunha das primeiras actuacións ao abeiro do crédito de 300 000 euros aprobado no Pleno da corporación. Comezarán outras nas vindeiras semanas ata, cara á fin de ano, esgota-la partida prevista destinada a pavimentacións.