Os percorridos, de dificultade media e baixa, comezan este venres en Barallobre e proseguirán en outubro e novembro coñecendo Limodre, Maniños, Magalofes, Sillobre e Perlío. Máis adiante -previsiblemente na primavera- o programa completarase coas andainas urbanas por Fene e San Valentín
Son gratuítos e fai falla inscrición previa. Para o de Barallobre hai que chamar ao 636 624 405 en horario de 9 a 14:00h en horario de mañá de 9 a 14:00h ata o propio venres
A área municipal de Deportes e varias entidades socioculturais organizan para o arranque do outono unha serie de andainas coas que descubrir a riqueza histórica e paisaxística do territorio fenés. Trátase de saídas de distintas distancias que se completarán en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensado para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que irá comentando o que se vaia vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
O primeiro dos paseos vai desenvolverse este venres 9 de setembro a partir das 19:00h por Barallobre. Sairase do local da ACDR Liga de Amigos de Barallobre -colaboradora nesta andaina- e logo continuarase pola Brea, O Piqueiro, A Ribeira, O Penedo, O Pazo e regreso ao punto de saída tras percorrer uns 6 quilómetros de dificultade media que se completarán en aproximadamente 2 horas. A participación é de balde, pero fai falla anotarse antes no teléfono 636 624 405.
As seguintes rutas están fixadas para o domingo 2 de outubro por Limodre -guiada pola AVV-, o venres 7 de outubro por Maniños -en colaboración coa SCRD O Pote-, o sábado 22 de outubro percorrendo Magalofes -coa AVV San Xurxo-, o sábado 29 coñecendo Sillobre cunha ruta guiada pola SCRD Agarimo e, xa en novembro, nunha data aínda por concretar, Perlío na compaña da CCRD Perlío.
Os horarios das próximas andainas -todas de dificultade media ou baixa e aptas para calquera idade- e os teléfonos de inscrición en cada unha delas irán publicándose nos días previos a través das redes sociais do Concello de Fene e das propias entidades.
Se o tempo acompaña durante a parte final do outono, o programa ampliaríase coas camiñadas máis urbanas por Fene e San Valentín, aínda que desde a Concellaría de Deportes prevese deixalas para o inicio da primavera.
“Andainas por Fene” é unha iniciativa municipal en colaboración coas entidades veciñais que, segundo afirma a concelleira Cristina García Moroño, “contan cun atractivo engadido, porque ademais de favorecer a práctica do deporte, teremos unha visión diferente das parroquias xa que van ser as propias veciñas e veciños, a través das sociedades, quen nos mostren o lugar no que viven”.
A concelleira destaca, ademais, que os percorridos non só nos meterán de cheo no patrimonio histórico e natural de cada zona, senón que tamén “nos descubrirán historias ou lendas dos sitios polos que transcurra cada andaina”.