A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a apertura do prazo, mañá, para inscribirse nun curso de Montaxe de estadas (andamios) multidireccionais. Esta acción forma parte do Programa Municipal de Formación e diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. As solicitudes poden presentarse ata o 15 de setembro no Rexistro municipal –de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica do Concello ou a través dalgún dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Esta acción formativa, que oferta doce prazas, ten unha duración total de 115 horas –do 28 de setembro ao 27 de outubro- e impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 horas ata o 17 de outubro e os días 24 e 25 de outubro; de 9.00 a 14.00 do 18 ao 21 de outubro e de 9.00 a 13.00 os días 26 e 27 de outubro. A edil recordou que se trata dunha acción formativa cun elevado grao de inserción laboral, tal e como o constatan as anteriores edicións convocadas dende o Programa Municipal de Formación.
Formación teórica e práctica de montaxe e desmontaxe de andamios, prevención de riscos laborais, traballos en altura e en espazos confinados, rescate en altura e primeiros auxilios e módulos transversais de orientación, emprendemento e igualdade forman parte dos contidos deste curso.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro ata esgotarse as prazas. O listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.
As persoas que desexen recibir máis información poden facelo a través da Sede Electrónica ou do Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).