Saturday 16 de November de 2024

Catorce estudantes de FP comezan este mes as súas prácticas profesionais en empresas de cinco países co programa municipal ACOREUROPA X


O alumnado fará estadías de tres meses nas cidades de Viena, Praga, Lisboa, Gziga e Campobasso

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, concedeu 14 bolsas a rapaces e rapazas do termo municipal para desenvolver a súa práctica laboral no extranxeiro, no marco do proxecto ACOREUROPA X. Esta tarde tivo lugar a última reunión antes da saída, na que o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, acompañou aos bolseiros e bolseiras para completar os últimos trámites das bolsas e desexarlles unha boa viaxe.

A reunión serviu para informalos sobre os últimos detalles da viaxe, como documentación, aloxamento no destino, seguros ou cursos de idiomas dispoñibles durante a súa estadía. Celemín, aproveitou para felicitalos pola oportunidade. “Unha experiencia inesquecible e que vos axudará a formarvos non só profesionalmente, senón tamén no plano persoal”. As persoas participantes manifestaron unha grande ilusión por emprender esta experiencia, coa que agardan mellorar as súas capacidades profesionais e idiomas, así como coñecer a outras persoas e culturas.

O programa Bolsas Europa FP-Proxecto ACOREUROPA X, incluído no programa Erasmus+, ten como obxectivo promover a aprendizaxe e a formación profesional de mozas e mozos da Coruña en Europa, así como o coñecemento do idioma e a cultura doutros países. As bolsas concédense para a realización de prácticas formativas en empresas de Francia, Malta, Italia, Irlanda, Portugal, República Checa e Austria, cunha duración de tres meses para todos os países. As prácticas desenvolveranse entre os meses de setembro a decembro, e comezarán o vindeiro día 13.

As bolsas ACOEREUROPA X cobren os gastos tanto de aloxamento durante a estadía como de desprazamento ata o país de destino, así como un seguro de asistencia sanitaria e de responsabilidade civil. Ademais, outórgase unha contía de 1.500 euros a cada estudante, para a axuda nos gastos derivados da súa estadía. Este programa súmase ás Bolsas Norteamérica xa concedidas neste curso a 35 rapaces e rapazas de primeiro de Bacharelato para o seu estudo en Canadá, sendo case 50 persoas as que recibirán formación no estranxeiro grazas ao Goberno de Inés Rey.