O primeiro dos obradoiros dará comezo o luns 12 de setembro na Aula de Informática da Casa da Cultura
Últimas prazas para participar en “Xeración 20=22”, un programa gratuíto de promoción da empregabilidade feminina que se vai desenvolver en Lousame ata finais de ano. A iniciativa está dirixida a mulleres de Lousame, de idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos, co obxectivo de que “lles sexa máis fácil acceder ao mercado laboral”, explica a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.
O primeiro dos seminarios, “Motivación para a busca de emprego”, terá lugar do 12 ao 23 de setembro, en horario de 9:30 a 12:30 horas, na aula de informática da Casa da Cultura. Será unha formación eminentemente práctica e personalizada que, ao longo de 30 horas, buscará formar ás mulleres participantes en habelencias para a busca de emprego, ferramentas para a busca dun posto de traballo e como preparar unha entrevista de traballo.
As inscricións poden formalizarse nos Servizos Sociais do Concello de Lousame ou chamando ao teléfono 981 820 494. “Xeración 20=22” é unha iniciativa do departamento de Servizos Sociais do Concello de Lousame e foi un dos dez proxectos elixidos a nivel nacional pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Ministerio de Igualdade para o seu financiamento.
Para os próximos meses quedan outros dous seminarios: introdución á informática e ás novas tecnoloxías, de 20 horas de duración, e fomento do autoemprego e apoio ás mulleres emprendedoras de Lousame, de 60 horas.