Monday 23 de December de 2024

A Fundación Luís Seoane acollerá unha charla orientada ao pequeno comercio


Dora Casal, CEO de Roberto Verino, será a encargada de levar o seminario, que terá lugar mañá ás 19.30 h no Salón de Actos da Fundación

A Fundación Luís Seoane acollerá mañá, mércores 7 de setembro, unha charla orientada ao pequeno comercio sobre a importancia da consolidación de marca como éxito no mundo empresarial. O encontro enmárcase na exposición “40 años #estiloverino: Belleza Serena”, unha mostra sobre a historia da marca durante estas primeiras catro décadas. Estará aberta ao público na Fundación Luís Seoane ata o 25 de setembro con entrada libre.

Dora Casal, CEO de Roberto Verino, será a encargada de impartir o seminario, co obxectivo de trasladar algunhas das claves do éxito da marca galega ao tecido empresarial da Coruña. “Dende Roberto Verino non só queriamos pasar pola Coruña coa nosa exposición, tamén deixar pegada, e o pequeno comercio parécenos unha boa forma de penetrar na cidade” sinalou Casal.

O obxectivo da charla é achegar a experiencia de Roberto Verino despois dos seus 40 anos de inicio, centrándose na consolidación da marca como receita do mantemento empresarial.
Esta terá lugar mañá, mércores 7 de setembro, ás 19.30 h na Fundación Luís Seoane. A entrada é libre ata completar a capacidade, polo que calquera persoa que o desexe se poderá achegar ao espazo.

Ademais, o vindeiro 22 de setembro está prevista a segunda das actividades paralelas á exposición. Unha mesa de debate sobre a transformación dixital aplicada ao mundo da empresa, na que estarán presentes Pablo Aranda Riveiro, director de sistemas de Roberto Verino, Alfonso Román, director asociado de Altia e Yaiza Canosa, CEO e fundadora de GOI. Ambas as actividades teñen como obxectivo “aproveitar o paso de Roberto Verino pola nosa cidade para compartir a experiencia da súa marca, e que o tecido empresarial e emprendedor poida recoller parte do legado dunha marca consolidada e de referencia” destacou a alcaldesa.