— A campaña de verán deste ano contou con máis de 10.800 prazas en actividades de verán como campamentos, campos de voluntariado ou minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos
— Ao longo do verán pasaron polo albergue xuvenil de Gandarío máis de 800 mozos e mozas onde puideron desfrutar de actividades relacionadas como mundo do mar e coa tecnoloxía
— A directora xeral coñeceu hoxe os participantes nos campamentos: Adestrando o meu robot; A vista de paxaro, Primeiros pasos con drons; e Creando o meu Videoxogo
— Tamén se achegará esta tarde a coñecer os participantes no campo de voluntariado Alí, xaz, en Ponteceso, que realizan labores de conservación ambiental e cultural
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu hoxe os mozos que participan nos campamento de verán que están tendo lugar estes días no albergue xuvenil de Gandarío. Alí lembrou que mañá finalizan as actividades postas en marcha durante este ano polo Goberno galego e que contaron cunha participación récord.
Durante a súa visita ao albergue xuvenil puido coñecer os participantes nos tres campamentos que se están desenvolvendo nestas instalacións estes días e que están relacionados co mundo tecnolóxico. Trátase dos campamentos: Adestrando o meu robot, A vista de paxaro, Primeiros pasos con drons; e Creando o meu Videoxogo. Ao longo deste verán, o albergue xuvenil de Gandarío acolleu a 800 mozos e mozas outras actividades relacionadas co videoxogo, o mar ou o uso de drons.
O lema da campaña deste ano foi O verán que queres contar e permitiu a posta a disposición de máis de 10.800 prazas repartidas en distintas actividades por toda a Comunidade como campamentos de verán, campos de voluntariado ou minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos.
Campo de voluntariado Ponteceso
A directora xeral visitará esta tarde tamén o campo de voluntariado Alí, xaz que se está a celebrar en Ponteceso e que tamén se enmarca dentro da campaña de verán deste ano. Nel realízanse actividades de coidado ambiental e cultural para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Este campo de voluntariado busca fomentar a investigacións e a sinalizacións de elementos etnográficos da aldea do Couto, a colaboración en actividades do programa cultural Encrucilladas, da Fundación Eduardo Pondal, e a colección de elementos orais entre outras actividades. Ademais, os participantes tamén realizarán obradoiros de instrumentos musicais, rutas pola Costa da Morte, a fervenza do Ézaro ou o castelo de Vimianzo, así como xogos e veladas.