Saturday 16 de November de 2024

A Xunta mellora a dotación de equipamentos de tres clubs deportivos de Boiro e Ribeira para apoiar as súas actividades


― O delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou unha das beneficiarias das axudas para a adquisición de equipamentos, nas que a Xunta inviste nesta comarca máis de 20.000 euros

― O Goberno galego inviste en Galicia outros 2M€ noutra convocatoria coa que financia o desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, así como de sociedades anónimas e seccións deportivas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o club Taekwondo Suh Sport Competición de Boiro unha das entidades beneficiarias da orde de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos destinados á clubs e federacións deportivas

A resolución beneficiará a tres clubes na comarca do Barbanza o de Taekwondo Suh Sport Competición de Boiro, para a adquisición dunha bicicleta e colchóns, o Natural Sport Videlgi de Ribeira para a renovar o tatami, os petos electrónicos e parte dunha furgoneta e para o club Kempo Barbanza de karate que empregará a axuda para mellorar o seu equipamento de adestramento.
No ámbito de toda Galicia as axudas chegan a 97 entidades, en concreto, 73 clubs cun investimento de case 500.000 euros e a 24 federacións con axudas de 210.000 euros.

Trenor lembrou que en breve se resolverá outra convocatoria que suma en Galicia outros 2 millóns de euros dirixida ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, e de sociedades anónimas e seccións deportivas que, como anunciou tamén hoxe o vicepresidente segundo, se resolverán en breve. Polo tanto, o investimento total do Goberno galego en apoio aos clubs galegos acada os 2,7 millóns de euros.

Ademais destas dúas liñas de axudas, a Administración autonómica mantén o seu compromiso co deporte co patrocinio de eventos, de equipos e de deportistas de alto nivel.

Achega de material
A orde de subvencións para equipamento deportivo da Xunta achega aos clubs e federacións material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario.

No que se refire aos gastos subvencionables da outra orde para o desenvolvemento de actividades deportivas pendente de resolución hai dúas liñas de axudas, unha delas para os custos derivados da participación en competicións oficiais cun máximo de 10.000 euros por entidade. A outra liña, que é novidade neste ano, vai dirixida a sufragar os gastos correntes de núcleos de adestramento deportivo especializado, cunha contía máxima de 30.000 euros por beneficiario.

Entre os conceptos financiados inclúense, entre outros, licenzas e seguros; as inscricións en competicións e os seus gastos de transporte, manutención e aloxamento nestes eventos; arbitraxes; aluguer de instalacións; así como produtos sanitarios, gastos de ambulancias ou relacionados coa prevención e a seguridade.

Trenor puxo en valor a importancia que estas axudas teñen para manter o excelente nivel competitivo de moitos dos clubs galegos, apoiar o deporte base, incrementar as canteiras dos equipos e garantir a súa continuidade.

Entidade Concello Integrada Federacion EQUIPAMENTO ESPECÍFICO EQUIPAMENTO “NON” ESPECÍFICO MATERIAL SANITARIO AXUDA CONCEDIDA
Club Taekwondo Suh Sport Competicion Boiro TAEKWONDO   Bicicleta, colchóns   6.662,00 
Natural Sport Videlgi Ribeira TAEKWONDO Tatami o tapiz, petos electrónicos Furgoneta e material de adestramento   10.000,00 
Club Kempo Barbanza Ribeira KARATE E D.A. Equipamento específico de Kempo Material de adestramento   3.634,00