Monday 25 de November de 2024

Os concellos de Narón e Valdoviño colaboran coa A.D.C. Bombeiros Narón e a Asociación 21 Leguas na organización do “I Trail Costa Ártabra”


A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o seu homónimo valdoviñés, Alberto González; o concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona e o de Servizos de Valdoviño, Benito Vega, presentaron hoxe xunto a Luis González e Óscar Somorrostro, presidentes da Asociación Deportiva e Cultural de Bombeiros Narón e da Asociación 21 Leguas respectivamente, o “Trail Costa Ártabra”. O evento deportivo, que mantén aberto o prazo de inscrición, celebrarase o vindeiro 18 de setembro, tal e como anunciaron, pola zona da Costa Ártabra, en espazos dos termos municipais de Narón e Valdoviño, tal e como anunciaron. Ao remate da proba haberá sorteo de varios asallos de material deportivo e produtos da zona.

Luis González explicou que a proba consta dun percorrido longo de 24 quilómetros, con saída ás 9.30 horas, un curto de 16, con saída ás 10.00, e unha andaina de oito, que partirá ás 9.45 horas. “A saída está fixada dende a Asociación Nuestra Señora de Chamorro e a meta xunto á AVV “Os Irmandiños”, no Val”, apuntou, ao tempo que avanzou que “os tres percorridos pasarán, na ida e volta, pola Pena Molexa, un punto emblemático da cidade, dos máis coñecidos turisticamente, para dirixirse as carreiras a Valdoviño, á batería, á praia polos acantilados e cruzando Narón ata o Alto da Lagoa para volver a Pena Molexa e á meta, se ben a andaina é máis curta por Campelo e Pena Lopesa”. Sobre a primeira edición, o presidente da A.C.D Bombeiros Narón destacou que “non son traxectos excesivamente duros e pódeos facer calquera persoa que se inicie no trail de montaña”.

Pola súa banda, Somorrostro asegurou que dende a Asociación 21 Leguas, organizadora da andaina, “estamos encantados de colaborar neste evento, que esperamos que teña unha boa acollida”.
A continuación, o alcalde de Valdoviño agradeceu ao Concello de Narón e ás dúas asociacións “o feito de organizar esta magnífica proba, na que non só falamos de deporte, senón tamén de paisaxe e territorio”.
A alcaldesa de Narón destacou tamén o “intenso traballo” das dúas asociacións organizadoras e coincidiu con González en subliñar a importancia da colaboración entre concellos para organizar este tipo de eventos. “É unha satisfacción poder colaborar neste evento deportivo a través do que se dará a coñecer unha parte importante do patrimonio dos dous concellos”, destacou Ferreiro, que amosou a súa confianza en que “teña unha moi boa acollida e poidamos celebrar moitas máis edicións na cidade”.

As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da plataforma rockthesport ata o vindeiro 13 de setembro.