Friday 22 de November de 2024

Santiago participa por primeira vez na feira de turismo de luxo de Singapur


No marco da LTM Asia Pacific, Turismo de Santiago manterá máis de 60 reunións con profesionais do turismo de luxo de toda a zona de Asia Pacífico interesados en Santiago. Esta feira, que reúne as principais empresas e profesionais do sector deste espazo xeográfico, estase a celebrar en Singapur desde onte ata o 8 de setembro.

Turismo de Santiago participa por primeira vez na ILTM Asia Pacific, que se celebra do 5 ao 8 de setembro en Singapur. Trátase dunha feira que reúne as principais empresas e profesionais do turismo de luxo de todo este gran espazo xeográfico, que non só inclúe China, senón tamén mercados tan interesantes para Santiago como Corea do Sur ou Australia, onde o Camiño de Santiago ten unha importante presenza. No 2019 Corea foi o oitavo país con máis peregrinos e Australia o undécimo.

Pero o obxectivo de Turismo de Santiago ao participar por primeira vez nesta feira de luxo é dirixirse a un segmento concreto de turistas cun alto nivel de gasto que buscan experiencias únicas e diferenciadas. Este obxectivo enmarcase na estratexia de diversificación da demanda turística da cidade, focalizando os esforzos promocionais na captación dun turismo de calidade.

O turismo de luxo, tamén denominado de alto impacto, produce un importante impacto económico nos destinos, tanto polo elevado gasto medio que realiza este tipo de turista como polo seu efecto multiplicador. Segundo a presidenta de Circulo Fortuny, a principal asociación española da alta gama e a excelencia, Xandra Falcó, o gasto medio do turista de alto impacto é catro veces superior ao do turista tradicional e xera o doble de emprego no destino.

Turismo de Santiago manterá máis de 60 reunións con profesionais do sector do luxo de diferentes países da zona Asia Pacífico, que amosaron previamente o seu interese en coñecer máis polo miudo ao oferta que Santiago pode ofrecer a este tipo de viaxeiro. Neste sentido, unhas das fortalezas da nosa cidade son a excelencia gastronómica e a oferta cultural, que precisamente son dous dos principais valores que buscan os viaxeiros deste segmento.

Coa participación nesta feira en Singapur, Turismo de Santiago continúa co traballo de promoción nos principais mercados de longa distancia. Así, neste mes de setembro a entidade de xestión turística municipal tamén participará na Feita Jata de Tokio para o mercado xaponés e nunhas xornadas específicas dirixidas aos mercados brasileiro e arxentino.