A Administración local distribuirá proximamente 60 novos composteiros e fará seguimento durante 6 meses do proceso de implantación e dos seus resultados
A iniciativa conta con apoio da Consellaría de Medio Ambiente con financiamento dos Fondos Next Generation
Xa hai tempo que en distintos puntos de Moeche se fai compost con restos de comida, mondas, follas secas, restos da poda e da sega… co obxectivo de reducir a materia orgánica que se bota na bolsa do lixo e, de paso, obter un fertilizante de alta calidade. De feito, foi en 2016 cando o Concello repartiu os primeiros composteiros domésticos e desde aquela foise ampliando o parque de colectores en colaboración con SOGAMA, que a principios deste ano repartiu 45 depósitos deste tipo e ofreceu formación sobre como utilizalos. O programa de compostaxe doméstica vai dar agora un novo paso coa distribución doutros 60 composteiros entre a veciñanza, gracias a unha subvención da Consellaría de Medio Ambiente que cofinancia nun 90% dos preto de 5.400 euros que custa o material e o seguimento de resultados.
Os veciños e veciñas poden solicitar composteiros contactando co Concello en correo@moeche.gal ou no 981 404 006. A intención municipal é que cheguen a zonas onde xa está implantado o sistema pero nas que aínda faltan domicilios por entrar, de aí que se lles dará prioridade na asignación dos contedores ás seguintes zonas:
Parroquias de San Xurxo e San Xoán: Seoane, Rio Vello, Igrexa, Pardiñas, Forxao, Carballeira, Portogonzalbo, Camiño, Petón, Petaño, Veliña, O Coto e A Paxota
Parroquia de Abade: Trieiro, Louridos e zona alta da estrada xeral AC-862.
Parroquia de Santa Cruz: Abelleira, Amosa, Vilazanche, O Vilar, A Ermida e Aquelabanda
Parroquia de Labacengos: Ribeira e Ramesquido.
O anterior listado non é exclusivo nin excluínte, é dicir, as familias que queiran entrar no programa poderán solicitar o seu composteiro aínda que vivan noutros lugares, só que o Concello atenderá preferentemente as zonas indicadas no caso de que haxa máis peticións que os 60 colectores dispoñibles. No reparto, previa solicitude, tamén terán prioridade as vivendas que estean habitadas durante todo o ano.
Unha vez que se teña a relación de solicitantes e a asignación dos composteiros, o Concello programará a entrega e a formación sobre a súa utilización.
Ademais de facilitar o material, o Concello tamén fará seguimento durante 6 meses da implantación do sistema e dos resultados obtidos. Esa avaliación alcanzará tanto ás novas familias usuarias como a aquelas que se incorporaron ao programa a principios de ano, por medio dun acordo de colaboración con SOGAMA que permitiu distribuír 45 contedores de 400 litros de capacidade.
O programa de compostaxe doméstica “Composta, devolve vida” que está promovendo o Concello de Moeche relaciónase directamente co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 das Nacións Unidas e, ademais, tamén persegue seguir rebaixando a proporción de materia orgánica na bolsa do lixo, que en Galicia se sitúa en arredor dun 40%. “Todos eses refugallos domésticos como son lavaduras que non se lles dán aos animais, borras do café, mondas, e incluso restos de pequenas podas, que nunca deben ir aos colectores do lixo, poden compostarse para obter fertilizante para os morteiros ou as plantas da casa. É algo parecido á función que tiña antes as esterqueiras, só que adaptada aos novos tempos en que hai menos gando nas casas”, explica Beatriz Bascoy.
A alcaldesa convida a toda a veciñanza que aínda non entrase no programa municipal de compostaxe doméstica a que aproveite esta nova oportunidade, nomeadamente nos lugares en que se priorizará a distribución do material. Para iso abonda con contactar co Concello no 981 404 006 ou escribirlle a correo@moeche.gal. Tamén se pode enviar unha mensaxe a través da web Liña Verde, onde se tamén hai unha chea de consellos de utilidade sobre reciclaxe.