A Coruña será a única cidade española en acoller a exposición, e a primeira europea logo da súa estrea en Londres
A alcaldesa, Inés Rey, interveu esta tarde na inauguración da exposición “AI: More than human” organizada por Obra Social ABANCA, unha exposición sobre a relación do ser humano coa intelixencia artificial. No acto de apertura estiveron o Presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, Luke Kemp, Director Barbican International Enterprises e Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.
Na súa intervención, a alcaldesa destacou que A Coruña será a primeira cidade europea en acoller a exposición despois de Londres e a única en España: “un feito que manifesta que A Coruña é a cidade de referencia en empresas tecnolóxicas, que xa é a cidade das TIC”. Inés Rey aproveitou para lembrar que este ano se implantou na UDC o primeiro Grao en Intelixencia Artificial “cun éxito total na súa primeira convocatoria” así como a celebración do Congreso Ecosystems 2030, “que converteu A Coruña no epicentro da tecnoloxía”.
Ademais, Rey puxo en valor a Cidade das TIC como proxecto clave para o posicionamento da Coruña como polo tecnolóxico, “unha realidade que non sería posible sen o compromiso de todas as institucións implicadas, tamén o Concello” sinalou.