Friday 22 de November de 2024

O petar das fichas de dominó soará de novo en Moeche ca celebración do IV Open de Dominó organizado pola Asociación Recreativa Deportiva CVM


A Nave do Mercado de Moeche acollerá un ano máis a realización deste evento, polo que dende as 10.15h da mañá deste sábado 10 de setembro ata que se rematen as partidas sobre as 19.00h da tarde, un total de 7 roldas serán as que decidan as persoas gañadoras do torneo.

Retómanse as normas antes da pandemia, polo que se volve ao sistema de 7 roldas, 4 delas serán en horario de mañá, con inicio previsto ás 10.15h e remate ás 13.50h. Farase o descanso preciso para o xantar que vai incluido dentro do prezo da inscrición e, trala sobremesa, xogaranse as 3 roldas restantes entre as 16.00 e as 18.40h. O regulamento das normas será o establecido pola Federación Galega de Dominó e a Federación Española de Dominó.

Competirase tanto por parellas como por equipos, e xa está confirmada a asistencia de 10 clubes tanto da nosa provincia, como de Lugo e Pontevedra e incluso participará a Federación Asturiana de Dominó pois o evento será puntuable para o Campionato de España desta disciplina. Os premios a repartir, constarán dunha contía económica que sobrepasa os 1.000€ sumando ambas categorías, e a máis apetecible e esperada so para a categoría de parellas, que será o reparto de xamóns.

Para anotarse neste encontro hai que chamar a un destes teléfonos: 636 110 492 (Daniel), 683 639 153 (Arsenio) ou 617 224 820 (F.G.D.) nos que tamén nos facilitarán máis información sobre o desenvolvemento do aberto. O prezo son 30€ para a persoa socia da Asociación Recreativa Deportiva CVM e 40€ por persoa non socia, xantar incluído, que deberán satisfacerse o propio día 10 antes do comezo das partidas.