Saturday 16 de November de 2024

O Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica acada o 50% de execución con 439 obras e un investimento de 91M€


— A Xunta desenvolve esta estratexia para modernizar os centros educativos no período 2021-2024, co impulso dun modelo poscovid que sitúa a Galicia como pioneira

— Dos proxectos en marcha, 180 son grandes actuacións en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano

— A maiores, este verán realízanse 259 obras de pequena ou mediana envergadura

— Hai outras 47 grandes actuacións en carteira, en cuxos proxectos traballa a Consellería nestes momentos, cun orzamento estimado de máis de 56M€

— Ademais, está en marcha a renovación do mobiliario dos centros educativos, un total 42.686 unidades por un importe de case 5M€

A Xunta de Galicia avanza no desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para a modernización dos centros educativos cUn novo modelo de escolas poscovid. A día de hoxe, o nivel de execución prevista para o período 2021-2024 roza xa o 50%, cun total de 439 obras en marcha desde 2021 por un importe de máis de 91M€ sobre os 191M€ totais.

Destas 439 actuacións, o 41% son de grande envergadura, un total de 180 obras por importe de case 87M€ que se atopan en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano. Neste apartado, a maior parte son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais, a través das que se mellora a eficiencia dos centros educativos (illamento térmico das fachadas, cambios de cubertas, cambio de fiestras, renovación de luminarias, etc).

Por outra banda, tamén se asume a construción de centrais de biomasa para dar servizo a varias infraestruturas e afondar nos obxectivos de acadar uns centros educativos máis respectuosos co medio ambiente.

No relativo ás obras de pequena e mediana envergadura realizadas no verán, 259 actuacións por importe de máis de 4,7M€, trátase de reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade, actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores.

Folla de ruta pioneira
Galicia conta desde 2021 cun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co fin de adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, cun investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

Así mesmo, o Goberno galego está a renovar o mobiliario dos centros educativos para adaptalos as novas metodoloxías cun total 42.686 unidades e case 5M€; e cofinanciando xunto aos concellos 33 pistas multideporte por 2M€.