Saturday 16 de November de 2024

En marcha as obras de pavimentación de máis de 8.000 metros cadrados de superficie en cinco aparcadoiros gratuítos


O Concello de Carballo investirá máis de 150.000 euros para seguir mellorando os espazos de estacionamento no centro urbano

A empresa Excavaciones y Obras Candal está a traballar no acondicionamento de cinco espazos urbanos que son utilizados como aparcadoiros. Dentro do plan de mellora das áreas de estacionamento gratuíto coas que contamos en toda a zona urbana -ben en terreos municipais ou ben en solares cedidos ao Concello de Carballo polo sistema de comodato-, nestes momentos estamos a actuar en máis de 8.000 metros cadrados de superficie.

Estas son as localizacións e as superficies aproximadas:
• Pazo da Cultura: 2.250 metros cadrados
• Rúa Perú: 2.250 metros cadrados
• Rúa Río: 700 metros cadrados
• Fórum Carballo: 1.000 metros cadrados
• Depósitos de auga: 2.200 metros cadrados

As obras comezaron na zona dos depósitos de auga, no barrio do Chorís, e ata alí desprazouse o alcalde, Evencio Ferrero, coincidindo co inicio dos traballos. O Concello de Carballo realizará un investimento de 153.845,38 euros, segundo o contrato asinado en agosto coa empresa adxudicataria. En todos os casos os traballos inclúen a explanación, sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado. Tamén se realizará a sinalización horizontal e vertical, e ademais instalaranse luminarias onde sexa preciso.

O Concello de Carballo conta cunha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de 64.580,86 euros, dentro do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable MOVES II.

A mellora dos aparcamentos retrasouse debido a que foi preciso realizar a licitación do proxecto dúas veces. Na primeira quedou deserto, dado que a única empresa que se presentou entrou en concurso de acredores e non se puido realizar a adxudicación. E, ademais, o proceso tamén se viu afectado polo forte incremento dos prezos do material de construción, un problema que afecta ás empresas e ás administracións de todo o Estado, e que neste caso puido solucionarse cunha revisión do proxecto. Entre o primeiro, de xuño do 2021, e o actual, que ten data de marzo do 2022, ámbolos dous redactados polos enxeñeiros municipais, a suba acadou o 22,54%, de xeito que o prezo de licitación pasou de 129.161,73 a 158.277,14 euros.