Friday 22 de November de 2024

Conclúen as obras de dotación de saneamento ao lugar de Teira en Corrubedo


Supuxo a instalación de 846 metros en tubaxes e un bombeo

O Concello de Riveira informa da conclusión dunha actuación dirixida á instalación de rede de saneamento ao lugar de Teira, situado na parroquia de Corrubedo.

A empresa Nemesio Ordóñez foi a entidade encargada da obra, cuxo orzamento que ascende a 185.130 euros, IVE incluído.

O lugar de Teira carecía de calquera tipo de rede de saneamento. As obras executadas incluiron a instalación dunha tubaxe de 575 metros de longo de 315 milímetros de diámetro e outra tubaxe de 128 metros de 250 milímetros, ambas de PVC compacto. Tamén se dispuxeron 21 pozos a 1,70 metros de profundidade e 5 a 3 metros.

A través dos colectores indicados conducíronse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, no que se implantará un bombeo no que se instalarán dúas bombas fixas de caudal unitario de 25,70 metros cúbicos por hora. Dende alí se impulsaron a través dunha rede de polietileno de alta densidade de 143 metros de lonxitude e 90 milímetros de diámetro ata a súa conexión coa rede xeral, que desemboca na EDAR de Corrubedo.

Todas as canalizacións foron soterradas en zanxa. Para a reposición da pavimentación se utilizou un pavimento continuo ecolóxico natural.