Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición no curso de Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados


O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición nun curso de Prevención de Riscos Laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, avanzou que se ofertan un total de quince prazas para esta acción do Programa Municipal de Formación que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

En total impartiranse 16 horas de formación, do 20 ao 23 de setembro en horario de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Á formación sobre traballos en altura destinaranse oito horas, e outras tantas á de traballos en espazos confinados. Os contidos incluirán lexislación sobre os traballos en altura, pautas xerais de seguridade, manexo de cargas, rescates en altura, colocación de equipos anti-caída, identificación de riscos e medidas preventivas, equipos de detección de gases e de respiración autónomos e semiautónomos, técnicas de ascenso e descenso, etc.

Hermida informou de que o curso se dirixe a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, que non teñan concedido outro curso do Programa Municipal de Formación que coincida temporalmente na súa realización. A selección do alumnado será por rigoroso orde de inscrición no Rexistro. O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 13 de setembro ás 13.00 horas. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Narón, Sede Electrónica, e polos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do

Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a Sede electrónica, sección de Servizos, Formación e Actividades Municipais ou contactar co Servizo Sociocomunitario, teléfono 981 33 77 00, ext. 1108/1109.