Preto de 6.000 persoas de toda a provincia participaron esta fin de semana na tradicional Romaría das Virtudes, que se celebra cada ano na parroquia de Vitre (Frades) organizada pola comisión de festas da asociación de veciños San Juan de Vitre e coa colaboración do Concello de Frades. Unha comisión que agradeceu o bo comportamento de todas as persoas que asistiron á romaría, así como o traballo de toda a xente que colaborou para que se puidera levar a cabo.
A romaría deu comezo na tarde/noite do venres coa tradicional procesión para o traslado da Virxe dende a igrexa parroquial de Vitre ata a capela das Virtudes, onde tivo lugar a primeira das cinco misas programadas. Durante a xornada do sábado, o campo da festa de Vitre estivo ateigado por máis de 250 familias e grupos de amigos, que cada ano se citan nesta romaría para xantar e pasalo ben.
Diso encargáronse a orquestra La Favorita, que protagonizou o baile do mediodía e participou canda o Dúo Reflejos na gran verbena nocturna, que se alongou ata ben entrada a madrugada. Durante toda a xornada, a música no campo da festa correu da man das charangas Os Celtas e Galácticos.
As celebracións relixiosas na capela das Virtudes deron comezo ás 11 e ás 12 da mañá, tendo lugar a misa solemne ás 13:00 horas, que incluíu a tradicional procesión da imaxe da Virxe e do San Xoán polo campo da festa, percorrendo o camiño entre a capela e o cruceiro. Despois de dous anos de ausencia pola pandemia sanitaria, os fieis recuperaron tamén o costume de pasar por debaixo da imaxe da Virxe das Virtudes. Unha iniciativa iniciada hai uns anos e que cada ano vai aumentando o número de seguidores.