Dirixidas a nenos e maiores, ofrecerase ximnasia de mantemento, funcional, terapéutica e saudable, ioga, zumba e pilates, así como tenis, atletismo e patinaxe e obradoiros de memoria e mentes activas
O Concello de Neda abre o prazo de inscrición en “NedActívate”, a programación das escolas deportivas e culturais municipais para o curso 2022-2023. Unha ampla oferta de actividades para nenos/as e persoas adultas que se levará a cabo no centro cívico, casa da cultura, local social do Puntal e polideportiva do Roxal. A partir de hoxe, as persoas interesadas poden formalizar a
súa inscrición no centro cívico, de luns a venres de 9:15 a 12:15 h.
Así, a programación inclúe atletismo, tenis e patinaxe para nenos e nenas a partir de 4 anos na pista deportiva do Roxal, e baile moderno no centro cívico, tamén para menores. Neste último escenario celebraranse as clases de ximnasia de mantenemento, ximnasia funcional, ximnasia terapéutica e ximnasia saudable, ioga, zumba e pilates. No tocante ás escolas culturais, ofreceranse un ano máis os obradoiros de memoria para persoas adultas -na casa da cultura- e de mentes activas -no local social do Puntal-.
En función da demanda, crearanse os grupos e deseñarase o calendario cos horarios definitivos.