Friday 22 de November de 2024

Neda converte a XXXII Festa do Pan nun gran tributo aos panadeiros e panadeiras locais tras a pandemia


Neda recuperou este domingo a esencia da Festa do Pan. A 32 edición desta cita converteuse máis que nunca nunha homenaxe aos panadeiros e panadeiras do municipio que, en palabras da pregoeira, “fan arte coas mans” e no gran punto de encontro que moitos veciños esperaban tras dous anos pandemia. A pesar de que a choiva fixo acto de presenza, unha vez máis, milleiros de persoas acudiron ao longo do día a esta cita, declarada desde hai anos Festa de interese turístico de Galicia.

Desde primeira hora da mañá, veciños e visitantes que se achegaron ao paseo marítimo de Neda tiveron ocasión de comprar e saborear o produto estrela da gastronomía local. As catro panaderías nedenses que estiveron presentes no veterano certame (Panificadora Germán, Modesto Hermida, Santa Rita e Paca Castro Romero) tiveron este domingo o mellor escaparate para dar a coñecer o seu produto, e souberon aproveitalo. Así, quen máis e quen menos, saía da festa coa súa empanada, a súa bola de patrón, ou cun dos tradicionais bolos cachados.

O pregón, un dos momentos máis especiais, corría a cargo este ano da escritora local Sara González Veiga, quen dedicaba a primeira parte da súa intervención a render tributo ás mulleres panadeiras. Avoas e nais que “merecen a nosa lembranza e admiración”, sinalaba para, a continuación, engadir: “non só facían as tarefas precisas na panadaría xunto cos homes da casa; tamén eran nais e traballadoras domésticas, nun mundo onde a conciliación (aínda mellorable) era inexistente”. González Veiga lembrou que a Festa do Pan é para os nedenses fundamentalmente “un día de celebración, de reunión, e de volver ver a quen facía anos que non estaba ante as túas pálpebras”. Algo que resultaba especialmente evidente nesta edición.

E concluía reivindicando o orgullo de ser de Neda “un lugar onde se fai arte coas mans, transfórmase a fariña e a auga do Belelle en bolos cachados, e a paciencia de horas e horas diante dás masas son a esencia dun dous oficios máis fermosos do mundo”. Tamén o alcalde, Ángel Alvariño, quixo sumarse a ese tributo poñendo en valor o traballo dun sector clave para a economía local e, como non, subliñando o feito de que os panadeiros/as estivesen ao pé do canón, aínda nos peores momentos da pandemia, para que o pan non faltase en ningunha casa.

Na cita, tamén houbo tempo para os premios. Eduardo Jiménez Jiménez e María de la O Martínez, coas súas empanadas de lacón con grelos e de carne ao caldeiro, ocuparon respectivamente a primeira e a segunda posición no recuperado Concurso de Empanadas. Correspondeulles unha talla do artista local Carlos García.

A macrocarpa instalada permitiu que, pese á choiva, a programación prevista se desenvolvese con normalidade. E así, tras a sesión vermú, máis de 400 persoas participaron na tradicional comida popular que, xa pola tarde, dará paso ás actividades infantís e ao concerto de Luar na Lubre.

O Concello de Neda, organizador do certame, contou nesta edición coa colaboración da Deputación da Coruña.