Friday 22 de November de 2024

A Xunta desenvolve un programa para mellorar as capacidades dixitais e incrementar as oportunidades laborais de 10.000 mulleres no rural


― A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a investir 5,2 millóns de euros nesta nova iniciativa coa que se pretende axudar con preferencia a mulleres desempregadas e residentes en concellos con menos de 30.000 habitantes

― Cerca de 60 localidades das catro provincias acollerán cursos de 45 horas en modalidade presencial ou virtual que tamén formarán para o emprendemento

― De completar con éxito a formación, o programa entregará de xeito gratuíto un equipo portátil ás alumnas para que poñan en práctica o aprendido

― O programa enmárcase no Plan Emprega Muller, con apoios específicos para a formación e a empregabilidade feminina cun orzamento de case 36M€

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de estrear o novo programa de capacitación co que a Xunta pretende formar en capacidades dixitais e incrementar as oportunidades laborais dunhas 10.000 mulleres, preferente a desempregadas e a residentes en núcleos con menos de 30.000 habitantes. O Goberno galego está a promover unha oferta formativa de máis de 600 accións en cerca de sesenta municipios galegos.

O novo programa, no que se están a investir 5,2 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está tamén centrado na formación para o emprendemento e dirixido, con prioridade, a mulleres desempregadas e con residencia en contornas rurais, en concreto en municipios con menos de 30.000 habitantes. As mulleres traballadoras ocupadas tamén poderán acceder a esta cualificación, sempre que estean inscritas como demandantes dunha mellora de emprego e as prazas non se cubran coas primeiras.

A Xunta prevé que un total de 10.034 mulleres poidan ver melloradas as súas competencias dixitais e para o emprendemento coa seguinte distribución por provincias: 4.014 na Coruña, 903 en Lugo, 1.103 en Ourense e 4.014 en Pontevedra.

O obxectivo último da iniciativa consiste en mellorar a cualificación das persoas participantes no programa, ofrecer maiores oportunidades de inserción ás mulleres das contornas rurais e favorecer o seu emprendemento, sen que a fenda dixital supoña limitación algunha.
As accións formativas distribuiranse nun total de 45 horas en modalidade presencial ou aula virtual, a través do Campus de Formación para o Emprego do Goberno galego. Incluirán módulos de competencias dixitais básicas e avanzadas, e dirixidas especialmente ao emprendemento; así como 5 horas de formación transversal en materia de igualdade.

As participantes na iniciativa realizarán un itinerario formativo deseñado para avanzar desde un nivel básico de competencias dixitais ata un grao avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse, se así o desexan, en competencias dixitais para o emprendemento.

A formación impartirase por expertos docentes e, ao seu remate, as alumnas recibirán un título oficial acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Co obxectivo, ademais, de facer posible o uso das novas tecnoloxías, as participantes, tras a formación, recibirán un equipo portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.
As persoas interesadas en participar poden informarse da iniciativa no portal de emprego da Xunta, onde tamén se traimitan as inscricións.

Plan Emprega Muller
Este novo programa enmárcase no Plan Emprega Muller que a Xunta está a desenvolver este ano cun orzamento de 35,8 millóns de euros. No mesmo se inclúen apoios integrais para a formación, o acceso, o mantemento, a consolidación e a promoción profesional das mulleres galegas, nos que se presta especial atención á formación en sectores con subrrepresentación feminina.

Entre as novidades, inclúe programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, que se prevé cheguen a máis de 1.800 beneficiarias; unidades formativas en empresas para financiar a cualificación dunhas 2.500 traballadoras en activo e incentivando a contratación; o Muller 22, unha aposta para incorporar 1.000 mulleres ao mercado laboral con incentivos ás empresas; ou o programa Relevo xeracional con apoios para que sexan traballadoras as que se incorporen aos cadros de persoal de persoas próximas á xubilación.