Saturday 16 de November de 2024

A web do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP destaca o proxecto de emerxencias ‘ARIEM 112’ no que participa a Xunta de Galicia


O vídeo de portada é un simulacro de rescate en augas internacionais río Miño no que participaron máis de 150 profesionais de emerxencias de ambos lados da ‘Raia’

A páxina web do Programa de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal (http://www.poctep.eu/) destaca na súa portada o vídeo do simulacro dun rescate no río Miño, no que participou a Xunta de Galicia no marco do proxecto europeo de emerxencias, ‘ARIEM 112’.

O exercicio de adestramento consistiu nun rescate con vítimas como consecuencia do afundimento dunha embarcación de recreo en augas internacionais do río Miño, no tramo comprendido entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Realizáronse tarefas de rescate, busca e rastreo acuático e subacuático, tanto desde terra como desde embarcacións.

A finalidade do operativo foi, ao igual que no ARIEM, testar sobre o terreo a coordinación dos Centros de Atención á Emerxencias de Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal co obxectivo de ofrecer ao cidadán á mellor resposta posible ante calquera incidencia.

Na intervención despregáronse medios locais, comarcais, autonómicos e estatais tanto de España como Portugal. En total participaron máis de 150 profesionais da seguridade pública e emerxencias da zona transfronteiriza do ARIEM 112, a ambos lados da ‘Raia’.

ARIEM 112
O proxecto Asistencia Recíproca Interrexional en materia de emerxencias, ARIEM 112, é un programa de actuación integral que favorece a asistencia recíproca, inmediata e conxunta optimizando medios e recursos, o que se traduce nunha minoración dos tempos de resposta e na xestión eficaz da emerxencia, calquera que sexa o lugar onde xurda a incidencia. A beneficiaria principal e cabeza do proxecto é a Axencia Galega de Emerxencias, Axega.

Engloba a máis de cen concellos, preto de 600.000 habitantes e unha extensión de case 17.000 quilómetros cadrados, que agora están atendidos no eido das emerxencia por máis de 1.100 efectivos, contando protección civil, grumires e bombeiros das tres rexións, entre outros.

O ARIEM 112 é un proxecto europeo plurirrexional, que está enmarcado no programa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal, POCTEP 2007-2013; un programa destinado a promover o desenvolvemento das zonas fronteirizas entre España e Portugal, reforzando as relacións económicas e as redes de cooperación.

Ampliación de fondos
O pasado 15 de abril, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da CCDR-N, Emídio Gomes, presidiron a última reunión do Proxecto ARIEM 112 en Oporto, onde asinaron un acordo para incorporar unha nova achega de 1,8 millóns de euros do POCTEP.

Este reforzamento económico complementaba a outro anterior de 600.000 euros, acordado en novembro do ano pasado; e ademais de supor un importante recoñecemento á excelente traxectoria do ARIEM 112 vai permitir seguir avanzando no seu obxectivo.

Elixido como exemplo dos logros do Interreg
Ademais desta inxección económica de Europa, o ARIEM foi elixido polo Comité de Seguimento do Programa INTERREG V España – Portugal 2014-2020 como exemplo de boas practicas e logros do POCTEP no seu período anterior.

Por ese motivo, o pasado mes de maio os integrantes deste comité reuníronse en Santiago, onde aproveitaron para visitar o CAE 112 Galicia e coñecer in situ o desenvolvemento do proxecto de cooperación transfronteiriza en emerxencias no que participa a Xunta.

O Comité de Seguimento do Programa Interreg V España – Portugal 2014-2020 é o órgano encargado de asegurar a eficacia e a calidade da execución do dito Programa, e que aproba as convocatorias e establece os criterios de selección dos proxectos.