Friday 22 de November de 2024

Uns 2.000 escolares galegos achéganse cada ano á náutica e aos deportes marítimos a través das actividades que organiza a Escola de Vela Cataventos


A directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitaron esta semana en Corcubión as instalacións da Escola de Vela Cataventos para achegarse ao seu labor na promoción da náutica e os deportes marítimos entre as mozas e mozos da comarca da Costa da Morte. Así, este centro achega anualmente as súas actividades a arredor de 2.000 escolares galegos.

As dúas representantes da Xunta asistiron ás prácticas dos campamentos de vela que a escola vén realizando ao longo de todo o verán con grupos de 26 rapazas e rapaces por quenda e de a partir de oito anos de idade. Neste contexto, enxalzaron a importancia da chamada Educación Azul, que supón a introdución do coñecemento global do mar no ámbito teórico e práctico da educación da mocidade galega. Deste xeito contribúese á posta en valor do carácter litoral da nosa comunidade e á remuda xeracional no mar. Por este motivo, o obxectivo do Executivo galego é favorecer que este modelo sexa replicado no máximo número de portos autonómicos posible.

A escola de vela Cataventos, que tamén xestiona o porto deportivo de Muxía, desenvolve desde hai 18 anos diversas actividades de formación náutica na comarca da Costa da Morte. Entre elas, ademais de campamentos e actividades temporais, destaca o programa O Mar na escola, que se realiza ao longo do curso escolar en coordinación cos centros educativos e que na edición de 2022 conta coa participación de 13 escolas da comarca.