Adianta que este proceso se concretará nas vindeiras semanas en convocatorias como o Debate sobre o estado da Autonomía ou a presentación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2016
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta está a traballar nunha rebaixa de impostos que se fará, dixo, “con total intensidade”. Segundo precisou, trátase dunha das principais medidas coas que o Executivo autonómico quere afondar nun modelo de xestión centrado en trasladar os efectos da recuperación aos sectores produtivos e ao conxunto da cidadanía.
Na conferencia que pronunciou no almorzo informativo organizado por ‘Nueva Economía Fórum-Tribuna Galicia’, Feijóo asegurou que isto significa acompasar a xestión ao que a Galicia deste momento esixe, e que este proceso se concretará nas vindeiras semanas en convocatorias como o Debate sobre o estado da Autonomía ou a presentación dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2016.
“O noso patriotismo consiste en baixar impostos, en abrir a nosa economía e en devolver os esforzos a aqueles aos que tivemos que pedirllos. Nin tivemos medo a gobernar a crise, nin imos ter medo agora a xestionar a recuperación con responsabilidade”, aseverou.
Trasladar á cidadanía os efectos da recuperación
O mandatario galego sinalou que o obxectivo é que a recuperación non só se traduza en cifras macroeconómicas, senón a través dos seus efectos sobre os galegos e as galegas. Isto supón dispoñer dunha política fiscal e tributaria máis xusta para todos os contribuíntes, dixo, pero ademais, poder falar de máis emprego para os mozos e outros colectivos de difícil inserción social. Tamén significa que non só medra a economía no seu conxunto, senón que o fan todos os sectores estratéxicos, especialmente o primario. Que cada persoa que teña unha idea conte cunha rede de viveiros e cunha proposta fiscal para impulsala, ou que a industria se modernice a través da innovación.
É dicir, que a recuperación chegue á xente que a fixo posible, como os empregados públicos -a quen entre este ano e o que vén se lles vai devolver a paga extra correspondente a 2012-, ou a clase media, apuntou. E, nesta liña, referiuse ao actual avance dalgúns indicadores económicos fronte ás voces que cuestionaban a política que seguiu a Xunta desde 2009, e que os galegos referendaron en 2012.
Así, destacou o descenso do desemprego que está a rexistrar Galicia durante os últimos 22 meses; que sexa a Comunidade onde menos medrou a débeda desde 2009; ou o último dato do IPI, que a sitúa entre as catro autonomías con mellor comportamento da industria no mes de xullo. Xunto con isto, salientou que a Xunta foi quen de dar resposta á responsabilidade histórica de que a crise non implicara un paso atrás nos servizos públicos.
Hoxe, dixo, Galicia dispón dunha educación pública coas taxas universitarias máis baixas de España, con máis bolsas e máis prazas de FP e que aposta polas tecnoloxías e os idiomas. No eido sanitario, indicou que dispón de sete hospitais públicos de nova construción ou con importantes ampliacións en marcha; que rexistra menos esperas, grazas á Lei de garantías sanitarias; e que conta cunha mellor dotación tecnolóxica nos centros hospitalarios. E, no tocante aos servizos sociais, asegurou que a Comunidade dispón de máis prazas públicas de garderías, residencias e centros de día.
Apelar á lei e ao entendemento para resolver a situación de Cataluña
Fronte este escenario, Feijóo situou o contexto polo que atravesa Cataluña neste momento porque, ao contrario que en Galicia, os que a gobernan “abdicaron de gobernar substituíndo medidas por bandeiras separatistas, resolucións por alegacións e medidas por consignas”. Segundo recoñeceu, “hai un evidente medo a gobernar na orixe do desafío que o independentismo catalán lle fai á democracia española”, que “está realmente agredida”.
Defendeu, así, a “mesura”, e avogou por que se respecten as leis e “por ser contundentes na defensa da democracia”. “O apego á lei é o apego á vontade popular que a fai. As leis e as constitucións son unha garantía contra a arbitrariedade e unha limitación aos que gobernan. Son os alicerces sobre os que se basea a convivencia, os sinais de tráfico que regulan a circulación de ideas e proxectos polas estradas dun país”, manifestou.
E concluíu apelando a que a firmeza no mantemento da lei e da Constitución vaia acompañada dun esforzo afectivo cara aos cataláns que non son independentistas porque, segundo remarcou, “defender a legalidade non me parece en absoluto contraditorio con promover o entendemento con Cataluña”.
“O tempo que vivimos alumeou outra dicotomía entre os que gobernan e os que teñen medo a gobernar” e “a historia proponnos encrucilladas que reclaman gobernantes sen medo a cumprir o seu deber: en Europa, en España, en Cataluña e en Galicia”; “xestores comprometidos que resolvan, que propoñan, que decidan e que, en definitiva, gobernen a realidade”, apostilou.