Sunday 24 de November de 2024

A Xunta contribúe á programación escénica da Coruña con 18 actuacións desntro da Rede Galega de teatros e auditorios


— O circuíto de exhibición de espectáculos, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as entidades locais asociadas, achega 10 representacións ao Fórum Metropolitano e oito ao Teatro Rosalía Castro entre os meses de setembro e decembro

— Sada, Oleiros e Arteixo programan outras oito funcións de teatro, que completan a oferta na área coruñesa ata finais de ano

A Xunta de Galicia contribúe á oferta escénica da cidade da Coruña entre os meses de setembro e decembro coa programación de 18 actuacións artísticas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos escénicos e musicais confinanciado xunto a preto de 40 entidades locais adheridas. A primeira destas citas terá lugar ás 19,00 h. de mañá sábado co espectáculo Cantando bajo la magia, de Luigi Ludus, no Fórum Metropolitano, que forma parte do devandito circuíto xunto co Teatro Rosalía Castro.

Como espazo desta rede galega, o Fórum acollerá outras dúas montaxes de maxia, todas elas inseridas á súa vez no programa ForuMáxico 2022, así como dúas propostas de danza e cinco de teatro, mentres que o Teatro Rosalía albergará oito funcións de teatro e danza.

Así, o recinto da rúa Río Monelos recibirá o 17 de setembro o Mago Teatro con O camiño do afiador e, xusto unha semana despois, o espectáculo Old Time Bakery, de Mag Edgard. Tamén en setembro, poderá verse neste mesmo escenatio a peza de danza Technocracia, de Funboa Escénica, e xa en outubro, Esas cousas marabillosas, da compañía Empatía Teatro, o día 14, e Todo nunha noite, de Abismo Caracol, o día 28.

En novembro, a axenda do Fórum Metropolitano prevé catro citas da Rede Galega de Teatros e Auditorios: o venres 4 con Pirolíticos, de Mofa e Befa; o sábado 12 con Cubo, de Elefante Elegante; o día 18 con Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e o sábado 26 con Nina Ninette, montaxe de danza de Paula Quintas Cía.

Cartel no Teatro Rosalía
Pola súa banda, a programación do Teatro Rosalía Castro ao abeiro do circuíto da Xunta dará comezo co espectáculo de danza Figuras do limiar, de Javier Martín, que se poderá ver o vindeiro día 16. Xusto ao día seguinte, será a quenda de Estudio Momento e a súa obra 1888. A señorita Xulia. O día 30 pechará a actividade de setembro Talía Teatro con Morte accidental dun anarquista, obra que disporá dun segundo pase o sábado 1 de outubro.

O 11 dese mesmo mes, o público coruñés poderá ver O péndulo, montaxe de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático Galego. Xa en novembro, a programación no Teatro Rosalía contará cunha segunda peza de danza a cargo de Licenciada Sotelo: Mortais e vulnerables, que se representará o día 13. Finalmente, o 2 e o 3 de decembro Sarabela Teatro porá en escena A lingua das bolboretas, adaptación escénica que parte do conto homónimo recollido no volume Que me queres, amor?, do escritor Manuel Rivas.

Área coruñesa
Sada, Oleiros e Arteixo son os outros tres concellos da área coruñesa adheridos á Rede Galega de Teatros e Auditorios, no marco da que programan oito funcións ata final de ano. No caso de Sada, a Casa da Cultura Pintor Lloréns conta con tres espectáculos neste segundo semestre: A meiga da fonte, da Escola Galega de Teatro Musical (7 de outubro); O xardín de Vila gris, de Fulano, Megano e Citano (4 de novembro), e As alumnas, de Culturactiva (20 de novembro).

Por Oleiros pasarán dúas coproducións do Centro Dramático Galego. A primeira chegará o 5 de novembro da man de Ainé con Continente María, obra que conmemora o centenario de María Casares. A segunda é a xa amentada O péndulo, de Inversa Teatro, que se poderá ver no Auditorio Gabriel García Márquez o 3 de decembro. A carteleira da Rede neste recinto complétase con Talía Teatro, que representará o 12 de novembro Morte accidental dun anarquista.

Por último, o Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo inclúe na carteleira da segunda metade do ano dúas funcións dentro deste circuíto: un concerto de Los Alcántara, xa celebrado durante o verán, e A resurrección de Nuno, de De Ste Xeito Producións, que se representará o 18 de novembro.

Medio millar de funcións en 2022
A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou en xullo a súa programación para este segundo semestre, durante o cal se celebrarán 201 funcións escénicas e concertos en 37 dos municipios con espazos adheridos. Deste xeito, a Xunta superará no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022 no marco do seu circuíto de exhibición de espectáculos, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.