Thursday 21 de November de 2024

Inés Rey: “A Coruña será de novo a capital dos océanos co festival Mar de Mares”


O Festival celebrarase na Coruña a partir do 10 de setembro, con máis dun mes de actividades gastronómicas, culturais e divulgativas

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o Festival “Mar de Mares”, unha iniciativa que “busca crear unha conciencia colectiva sobre a importancia de coidar os nosos océanos” a través dun “programa de grande atractivo para todos os públicos e que convertirá de novo a cidade na capital dos océanos” sinalou. A rexedora estivo acompañada de Mercedes Carballo, directora do Festival Mar de Mares; Pedro Pastur, responsable de Trade Marketing en Galicia do “Grupo Hijos de Rivera” e Chus Lago, escaladora e participante nos encontros inspiradores do Festival Mar de Mares.

“Somos unha cidade que convive, arrodeada practicamente na súa totalidade, co océano Atlántico” destacou Inés Rey, “unha cidade que quere seguir ligando a súa historia a este océano e convivir en harmonía con el”. Neste sentido, a alcaldesa reivindicou a localización do Festival na Coruña que, desde a súa primeira edición no ano 2014, reúne a expertos no estudo, na creación artística e na defensa dos océanos para a concienciación sobre o coidado dos océanos. “Non se entendería que este acontecemento se celebrase noutro sitio que non fose A Coruña” sinalou, “unha cidade aberta ao mar coa que todos e todas nós nos sentimos moi identificados”.

A rexedora lembrou a importancia de que toda a sociedade tome conciencia da necesidade de “loitar contra o cambio climático, especialmente as novas xeracións e fixo un chamamento sobre a importancia de estender a mensaxe científica fronte aos que aínda negan o que é evidente”.

“Desde as administracións temos a obriga de levar a cabo políticas que fomenten hábitos que preserven o noso Medio Ambiente” explicou a alcaldesa, quen aproveitou para lembrar as iniciativas en favor da sostibilidade levadas a cabo polo goberno municipal como a baixada da tarifa do bus urbano, o novo servizo de Bici Coruña e as actuacións que permitiron gañar 50.000 metros cadrados para o desfrute dos cidadáns e o coidado da contorna urbana .

O Festival comezará coas actividades a partir do 10 de setembro, cunha oferta dirixida a todos os públicos que se estenderá ata o 16 de outubro. Entre as actividades previstas desenvolveranse visitas gastronómicas, paseos ou encontros inspiradores para falar da importancia do coidado do mar e da educación medioambiental para un futuro máis sostible.