Friday 22 de November de 2024

O “VII Torneo Internacional Cidade de Narón” de fútbol reunirá na cidade a preto de medio cento de equipos de Galicia, Portugal, Asturias, Castela León e Suiza


O Estadio Municipal de Río Seco acollerá os días 9, 10 e 11 de setembro o “VII Torneo Internacional Cidade de Narón” organizado polo Concello en colaboración coa Sociedade Deportiva Cultural e Recreativa Narón “O Freixo” e a Real Federación Galega de Fútbol. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o evento xunto co edil de Deportes, José Oreona, o presidente do club Narón O Freixo, Rafael Pazos, e o coordinador da convocatoria, Juan Carlos Vázquez. Ferreiro destacou a elevada participación neste evento, cun total de 23 clubs e corenta equipos, indicou, para disputar durante esa semana 128 partidos neste torneo.
Participarán na sétima edición deste torneo de fútbol os equipos: Narón-O Freixo, C.D. Lugo, Cultural Leonesa, Xuventude Oroso, Secundino Basalo, Unión Cee, Fabril F.C., R.C. Celta, Sporting de Braga, Ural F.C., Vitória Guimaraes S.C., F. C. Bern, Victoria C.F., S.D. Burela, R.C. Deportivo, Pontevedra C.F., Racing Club Ferrol, Atlético Coruña, Escola Estrada F.B., C.D. Quirinal, C.D. Fulbito e Conxo-Santiago. “É unha satisfacción poder reunir neste torneo a deportistas de clubs de todas as provincias galegas, do norte de Portugal, de Asturias, Castela León e, por vez primeiria, tamén chegados de Suiza”, destacou Ferreiro.
O presidente do Narón-O Freixo e o coordinador da proba explicaron que os partidos darán comezo o día 9 ás 20.00 horas, cun inaugural que disputarán o Victoria Guimaraes e o Narón-O Freixo A e a Cultural Leonesa A e o Atlético Coruña. “Cada categoría distribuirase en catro grupos, os alevíns en catro grupos de seis e os benxamíns en catro grupos de catro”, indicaron. O día 10 disputaranse partidos entre as 8.45 horas e as 22.00 aproximadamente, para rematar coa entrega de trofeos e o día 11 haberá unha xornada de confraternidade e despedida dos grupos. O evento deportivo retransmitirase a través da plataforma GS360, para o que se facilitará previamente un enlace.