O Concello acolleu esta mañá unha reunión con entidades da comarca para abordar os avances realizados dentro do proxecto “Todas as persoas sumamos”. As edís de Benestar Social, Catalina García, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, participaron na convocatoria, informando sobre o traballo realizado durante os últimos meses e tamén avanzando o que se levará a cabo de aquí a finais de ano. Estiveron presentes representantes de todas as entidades participantes: Aspaneps, Aspanaes, Saúde Mental Ferrolterra, Eume e Ortegal, Áurega, ASCM, AXF, Teima Down Ferrol, Alcer, Nuestra Señora de Chamorro e Cogami.
As concelleiras naronesas destacaron o labor que realizaron as entidades e asociacións implicadas nesta iniciativa para elaborar material didáctico e divulgativo que se publicitará a través das redes sociais e a páxina web do Concello. Un caderno de traballo e infografías forman parte dese material para dar información das diferentes diversidades e romper estereotipos. O material enviarase aos centros de ensino da cidade e difundirase ademais a través das entidades participantes. A procura da integración e dar visibilidade ás diferentes diversidades e capacidades das persoas son dous dos obxectivos que centran este programa.
A todas as entidades agradeceron as representantes do goberno local a súa “gran implicación en todas as iniciativas que se impulsan a través deste programa, do que queremos facer partícipes a todas as veciñas e veciños da cidade, para que poidan participar activamente nos diferentes procesos co obxectivo de sumar porque todas as persoas sumamos e por iso mesmo o programa leva este nome”.