Friday 22 de November de 2024

Santiago promocionarase co lema “Cultura e Patrimonio” a través do Monbus Obradoiro


O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, explicou esta mañá as liñas principais do convenio entre Turismo de Santiago e o Clube de Baloncesto Monbus Obradoiro, que ten por obxectivo que o equipo promocione a cidade como destino turístico ao longo da tempada 2022-2023 nunha rolda de prensa que se celebrou no Pazo de Raxoi.

Na rolda de prensa tamén participaron o Director de Marketing do Monbus Obradoiro, Daniel Agra, a representante do equipo, Amparo González, e unha das novas fichaxes deste ano, David Walker, que se presentou hoxe ante os medios de comunicación.

Grazas a este convenio, que xa se levou a cabo o ano pasado, Santiago promocionarase como destino turístico a través de diferentes soportes do Obradoiro, que permitirán que a cidade chegue en especial ás cidades con equipos na máxima categoría do baloncesto español pero tamén aos 120 países nos que se pode ver a ACB.

Neste ano, segundo apuntou Sindo Guinarte, para esta campaña co Monbus Obradoiro empregarase o lema “Santiago. Cultura e Patrimonio” para amosar a mensaxe que se quere proxectar turisticamente de Santiago. Unha cidade que é Patrimonio da Humanidade e que conta cunha gran oferta cultural.

Pola súa banda, Daniel Agra agradeceu a colaboración de Turismo de Santiago por segundo ano consecutivo co Monbus Obradoiro e destacou que Santiago está vivindo un ano extraordinario dende o punto de turístico. Neste sentido, apuntou que o equipo está encantando de servir de canle de promoción de Santiago nesta temporada para continuar co crecemento turístico da cidade.

Finalmente, David Walker, novo xogador estadounidense do Monbus Obradoiro, recoñeceu que aínda non tivo tempo de coñecer a cidade en profundidade polo ritmo de adestramentos de pretemporada. Pero destacou que polo que ten visto ata o momento parécelle unha cidade fermosa e moi verde.