Friday 22 de November de 2024

Constituída en Carballo a Fundación Manuel Facal


O pasado 11 de agosto constituíuse en escritura pública a Fundación Manuel Facal,
entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a conservación, promoción e difusión da obra do
artista carballés Manuel Facal, así como da arte contemporánea en xeral.

O Padroado da Fundación Manuel Facal está presidido polo propio artista, mentres que como
vicepresidente figura Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e como secretario, Jorge Mareque Facal. Nas
vindeiras semanas sumaranse ao Padroado diferentes colaboradores e personalidades do mundo da
arte que conformarán o Consello Asesor da Fundación.

A Fundación terá a súa sede permanente en Carballo, nun edificio que será rehabilitado como Museo
Manuel Facal e que albergará boa parte da obra do artista carballés, entre pinturas, gravados e
esculturas. Pretende ser un espazo vital, no que poderá expoñerse ao público o legado dun dos artistas
galegos máis representativos da súa xeración. Así, a obra de Manuel Facal está presente en importantes
coleccións de España, Estados Unidos, Francia, Alemaña, Venezuela, Porto Rico, Brasil, Arxentina,
Bélxica, Noruega, Portugal e Holanda.

Entre as actividades que desenvolverá a Fundación destacan a edición de publicacións, exposicións,
congresos e ciclos de conferencias sobre arte contemporánea, que converterán a Carballo nun referente
da arte contemporánea actual.

A Fundación agarda contar co apoio de institucións públicas como o Concello de Carballo, a Deputación
da Coruña e a Xunta de Galicia, así como de empresas privadas, para a creación deste novo espazo
museístico, no que os visitantes poderán para atopar obras de Manuel Facal de diferentes épocas, que
forman parte da extraordinaria colección privada do artista.