Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades lembra que segue aberto o servizo gratuíto de préstamo de axudas técnicas


Poderán optar a estas axudas as persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e cuns ingresos inferiores ao 150% do IPREM, con limitacións funcionais graves e temporais

Os veciños de Frades mostran interese polo novo servizo gratuíto do Concello consistente no préstamo de axudas técnicas para a mobilidade. Vai dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM, así como a veciños con limitacións funcionais graves que necesitan axuda doutra persoa para actividades básicas da vida diaria. Tamén está dispoñible para persoas que por motivos temporais teñan reducida a mobilidade. Todos eles poderán acceder de forma gratuíta a un catálogo inicial de produtos que inclúe: camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores e guindastres para levantar ou pousar ás persoas.

Dito servizo súmase aos de axuda no fogar, teleasistencia, podoloxía, fisioterapia, bono-taxi ou perruquería a domicilio que xa oferta o concello fradense.

Requisitos

Poderán acceder a este novo servizo, que o Concello puxo en marcha o pasado maio, aquelas persoas que padezan de limitacións funcionais graves ou que por motivos temporais teñan reducida a mobilidade (por ter, por exemplo, sufrido un accidente ou unha operación) e precisen de axudas técnicas para mellorar a súa capacidade funcional. Ademais de estar empadroada en Frades, a persoa non deberá ter acceso á prestación de axudas técnicas por ningún outro medio (como o SAF da Mancomunidade de Ordes) e a súa renda per cápita da unidade familiar non debe superar o 150% do IPREM.

O servizo de préstamo será de 18 meses, salvo casos excepcionais como falecemento ou solicitude de baixa por parte da persoa usuaria, uso indebido da asistencia técnica ou perda dos requisitos de acceso ao servizo. Os interesados deberán ter en conta que a aprobación do mesmo concederase segundo a orde de recepción das solicitudes. O material será achegado por unha empresa especializada de Ordes, que gañou o proceso de licitación.

Para solicitar as axudas é preciso presentar fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia de todos os integrantes da familia, certificado de empadroamento (cun mínimo de 6 meses de antigüidade), documentación que acredite o grao de discapacidade/dependencia ou informe médico xustificativo e documentación xustificativa da renda económica da unidade familiar.