As nenas e nenos que participan no Verán Lúdico, actividade de conciliación que organiza o Concello de Touro durante o tempo de vacacións e que rematará a próxima semana co inicio do novo curso escolar, participaron esta semana na elaboración dun gran mural de cores que representa o mapamundi. Foi feito nun dos muros que circunda o centro educativo CPI Fonte Díaz, moi próximo á sede do Concello de Touro. As nenas e nenos utilizaron cores diferentes para cada continente e pasaron un tempo que tratou de combinar os aspectos lúdicos cos formativos para deselvolver a creatividade da veciñanza máis nova. O obxectivo desta actividade tamén é darlle cor ao muro do CPI Fonte Díaz, onde a próxima semana as nenas e nenos do Concello de Touro iniciarán o curso académico 2022/2023.