Tuesday 26 de November de 2024

O Concello de Bergondo inicia unha rolda de reunións para explicar o novo programa de ‘Envellecemento Activo’


· Os encontros iniciáronse onte en Cortiñán, continuaron hoxe en Guísamo e seguirán en Lubre, Ouces e Vixoi.

· Entre o 5 e o 9 de setembro as persoas interesadas poderán anotarse para ser beneficiarios das actividades que ofrece este programa municipal.

O Concello de Bergondo iniciou unha rolda de reunións polos diferentes centros sociais do municipio para informar das actividades que ofrece o novo programa de ‘Envellecemento Activo’, para o que se destinou un orzamento de 312.163,64 euros.

Os encontros, aos que se despraza persoal do departamento de Servizos Sociais, iniciáronse onte, xoves 1 de setembro, en Cortiñán. Hoxe foi a quenda do centro social de Guísamo ‘Mª Miramontes Matogueiras’ e continuarán no centro social de Lubre ‘Mª Fernández Sánchez’ (5 de setembro), centro social de Ouces ‘Antonia Pato Pardo’ (6 de setembro) e centro social de Vixoi ‘Luisa Viqueira Landa’ (7 de setembro).

Estas reunións aproveitaranse tamén para informar sobre outros servizos e recursos sociais que poden resultar de interese como atención á dependencia, o Servizo de Axuda non Fogar (SAF), teleasistencia, bonos sociais ou prestacións económicas.

Ademais, entre o 5 e o 9 de setembro as persoas interesadas poderán anotarse ás actividades que elixan do folleto. Poderá formalizarse telemáticamente a través da web do Concello ou mediante unha chamada de teléfono ao 981 791 252 (ext. 4).

O programa de ‘Envellecemento Activo’ do Concello de Bergondo está dirixido a persoas maiores de 55 anos e a través deste levan a cabo diferentes actividades que ten o obxectivo de dar alternativas de lecer e fomentar unha vida activa entre as persoas maiores do municipio.