O Paseo marítimo acollera un día antes o prólogo musical do certame, a Noite de Bolos
Todo a punto en Neda para desfrutar da fin de semana máis especial do ano. A Festa do Pan de Neda regresa este domingo ao paseo marítimo do municipio para celebrar a súa 32 edición, recuperando o seu espírito máis festivo, ao que tivo que renunciar o pasado ano por mor da pandemia, e o protagonismo das panaderías locais. Antes chegará á macrocarpa instalada na zona o xa clásico festival Noite de Bolos.
A vocalista e pianista madrileña ELE, coa súa mestura de folk, soul, jazz, rhythm and blues e pop encabeza o cartel desta velada de música, que terá lugar o 3 de setembro, a partir das 21.30 horas, a modo de preámbulo da gran festa gastronómica da vila. No concerto, esta artista revelación no panorama nacional, interpretará os temas dos seus traballos discográficos “Summer Rain” e “What Night Hides”.
Noite de Bolos, que aposta máis que nunca pola diversidade de estilos e o eclecticismo musical, completarase coa volta á música das verbenas da Galicia dos anos 30 e 40 do pasado século de Airiños da Freba, e coa homenaxe aos 25 anos do rock bravú da Banda Xangai, que lidera Xurxo Souto.
Xa o domingo, a actividade comezará ben cediño na Festa do Pan de Neda, declarada dende hai anos de Festa de Interese Turístico de Galicia, polo seu arraigo e o seu poder de convocatoria. A partir das 10 horas, abrirán os postos de venda de pan e os de artesanía. Desta volta, participan Panificadora Germán, Modesto Hermida, Paca Castro Romero e Santa Rita e como despachos colaboradores J. Castro Hermanos, La Gallega e Vda. de Romero.
ENCONTRO FESTIVO
E antes do tradicional pregón, a cargo da escritora nedense Sara González Veiga, que terá lugar ás 13 horas na macrocarpa situada diante do Albergue de peregrinos, haberá tempo para gozar dos sones tradicionais de Berros do Castro e para a celebración do concurso de empanadas.
Desta volta haberá sesión vermú e recupérase o tradicional xantar popular que, por 20 euros, incluirá pan e empanada de Neda, arroz, churrasco, a bebida, o doce, e o café. E para baixar a comida, nada como un pouco de animación musical con Os Charangos. A programación infantil incluirá os obradoiros de elaboración de pan (17 horas) e un espectáculo de circo (18.30 h).
E a partir das 19 horas, un dos grandes grupos da música de raíz en Galicia, nada menos que Luar na Lubre, porá o broche de ouro á festa, repasando os grandes éxitos da súa extensa traxectoria musical e máis os temas do seu último traballo “Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos”.
A XXXII Festa do Pan, que organiza o Concello de Neda, contará co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.