Friday 22 de November de 2024

A Noiesa Rosana Calvo recolleu o Premio Ramiro Carregal nos Atlante de Gravado


Concorrida entrega de galardóns no museo de Artes

O Museo do Gravado de Artes acolleu a sexta edición dos Premios Internacionais Atlante: unha cita que serviu así mesmo para abrir unha mostra na que se recolle unha selección de 68 obras entre as máis de 230 presentadas a estes prestixiosos galardóns, orixinarias dunha ducia de países.

O acto contou coa participación de membros do padroado da fundación Museo de Artes como Ramiro Carregal Rey, presidente de Frinsa; José Silveira, presidente de Remolcanosa; ou os vicepresidente e presidente da entidade, Javier Expósito e Manuel Ruiz. En representación da Xunta de Galicia acudiu Valentín García, secretario Xeral de polícita Lingüística. E tamén estiveron presentes numerosos artistas da contorna e moitos veciños que se animaron a presenciar esta celebración anual.

A cerimonia comezou coas notas ao piano da alumna do Conservatorio Profesional de Música de Riveira Michelle Pena para dar paso a continuación ás intervencións do decano da Facultade de Historia da USC, Juan Manuel Monterroso, e do artista Alfonso Costa como voceiro do xurado. Ambos destacaron a importancia destes premios para dar a coñecer a especialidade do gravado e poñelo en valor.

Acto seguido tivo lugar a entrega de premios, en que a noiesa Rosana Calvo se erixiu na principal gañadora do certame coa obtención do Premio Ramiro Carregal (dotado cun premio en metálico de 5.000 euros), outorgado persoalmente polo presidente de Frinsa e fillo adoptivo de Riveira.

Premio María del Rosario Martín
Co Premio María del Rosario Martín (dotado con 2.500 euros) foi galardoado o iraní Shirin Saleshi (recolleu o galardón a artista local Mónica Ayaso) e tamén foron distinguidos cos Premios Internacionais Atlante María Luisa Pascual (recolleu no seu nome Antonio Pérez) e o polaco Tomasz Winiarski (recolleu Jontxu Argibay), ambos tamén recompensados con 2.500 euros. Por último, na categoría Barbanza – Ría de Arousa, de 1.400 euros, a gañadora foi Jesusa Lago Lago (recolleuno en persoa).

Finalistas resultaron Ana Cambeiro, Concha Ruesga Navarro, Pablo Loureiro, Carlos Rafael Almeida e Maura Blacutt.

Para finalizar tiveron lugar as intervencións de Valentín García, Ramiro Carregal e Manuel Ruiz, que coincidiron en destacar a importancia deste galardón e do Museo do Gravado para a promoción de Riveira no eido cultural.