Sunday 24 de November de 2024

O Concello de Lousame crea un rexistro de posibles acolledores de refuxiados de guerra


Lousame fará unha campaña municipal de fomento do consumo de leite 100% galego e solicita a súa entrada na área de Santiago do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia

“O Concello de Lousame creará un rexistro de posibles acolledores de refuxiados de guerra, onde se poderán anotar todos os veciños e veciñas do municipio que estean dispostos a acoller refuxiados nas súas vivendas”. Así o anunciou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, na sesión plenaria ordinaria do mes de setembro durante a aprobación dunha moción do PSOE sobre a crise dos refuxiados en Siria.

Este rexistro será levado dende o Departamento de Servizos Sociais, que porá todos os medios dispoñibles para facilitarlles aos veciños e veciñas todos os trámites precisos para poder convertérense en familias de acollida. “O Concello de Lousame xa se dirixiu á Fegamp para poñerse á súa disposición e nos próximos días distribuiremos un bando informativo para que todos aqueles veciños que estean dispostos a acoller refuxiados poidan facelo”, explicou Teresa Villaverde, quen puntualizou que “xa nos informaron que instalacións municipais como o polideportivo non son válidas, xa que o que se busca é a integración destas persoas na sociedade, non un lugar onde pasar uns días”.

Neste sentido, adiantou que os veciños poderán optar por tres opcións de acollida: só menores de idade, só adultos ou familias completas. Para máis información e rexistrarse, os veciños e veciñas de Lousame só terán que dirixirse ao departamento de Servizos Sociais ou chamar ao 981 820 494 (de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas).

A moción presentada polos socialistas, que foi aprobada por unanimidade, instaba ao Concello de Lousame a unirse ao rexistro de cidades de asilo e a instar ao Goberno a que traballe por unha política común de migración na Unión Europea, incremente o orzamento para os plans de acollida e actúe na pacificación dos países de orixe dos refuxiados. Tamén se aprobou po unanimidade unha moción do PP para que o Goberno asuma a atención aos refuxiados como unha cuestión de estado.

Renuncia da concelleira

A sesión plenaria comezou coa toma de coñecemento da renuncia de Iolanda Mato Creo á súa acta de concelleira por Terras de Lousame, renuncia presentada no Rexistro Xeral do Concello de Lousame o pasado 14 de setembro. Unha vez que o pleno tomou coñecemento da renuncia, a xa ex-concelleira Iolanda Mato manifestou a súa intención de renunciar unha vez finalizase o pleno de onte.

Iso motivou un cruce de acusacións entre a alcaldesa Teresa Villaverde e a ex-concelleira Iolanda Mato, que acusou á primeira de expulsala do pleno. “Se pretende expulsarme, dígao abertamente”, asegurou Mato Creo. Pola súa banda, Villaverde Pais lembrou que “presentar a renuncia foi unha decisión súa, pois ten dereito a facelo. Se quería asistir como concelleira ao pleno de hoxe puido renunciar mañá. Eu só cumpro coa legalidade”.

A petición de ambas partes, a secretaria municipal de Lousame puntualizou que o escrito de renuncia foi presentado o pasado 14 de setembro e que, unha vez que o pleno toma coñecemento da renuncia, esta entra en efecto. De feito, a lexislación establece que a renuncia presentada por un concelleiro é revogable polo mesmo en tanto o Pleno do Concello non tome coñecemento da mesma. Despois, a renuncia é válida a todos os efectos e o concelleiro queda desposuído de todas as súas atribucións derivadas do cargo.

Aínda que Iolanda Mato propuxo cambiar a orde do día e acusou á alcaldesa de non querer incluír a súa renuncia ao final da sesión, a lexislación vixente vai encamiñada a que na primeira sesión que se celebre, independentemente de que sexa ordinaria ou extraordinaria, o Pleno tome coñecemento como primeiro punto desa renuncia, xa que a norma busca así evitar que a concelleira teña que pronunciarse sobre outros asuntos cando xa amosou por escrito que non desexa seguir ocupando o cargo. A pesar de que foi convidada a asistir como público, tanto a ex concelleira de Terras de Lousame como algúns integrantes do público abandonaron o salón de plenos.

Unanimidade nas mocións

O resto da sesión desenvolveuse nun clima cordial no que todas as mocións presentadas polos distintos grupos municipais foron aprobadas por unanimidade, salvo unha do Partido Popular sobre accións de promoción do consumo de leite 100% galego en Lousame que contou coa abstención do PSOE. Así o pleno aprobou unha moción en defensa do sector lácteo galego presentada polo BNG, que pedía que “o Concello de Lousame se comprometa coa defensa do sector lácteo galego e dun prezo xusto en orixe”, explicou o voceiro nacionalista, Amador Turnes Núñez.

Así mesmo, aprobouse unha moción do PP para a promoción do consumo de leite galego en Lousame. Teresa Villaverde explicou que o obxectivo é “promover accións para a promoción da leite galega 100%, realizando accións de concienciación, promocións entre os hostaleiros e entrega de leite 100% galega nos actos deportivos que organice o Concello”. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP e BNG e coa abstención do PSOE, cuxo voceiro Julio Paradela argumentou que “non se pode obrigar á xente a tomar un tipo de leite”. Algo ao que a alcaldesa respostou dicindo que “non pretendemos obrigar a ninguén, pero a concienciación dos beneficios que supón consumir leite galego tamén é importante”.

O pleno tamén aprobou unha moción do BNG para solicitar a inclusión de Lousame na área de Santiago do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, “sobre todo cando Noia xa acordou solicitar a súa inclusión e concellos como Rois ou Brión, que lindan con Lousame, pertencen a este plan”. A alcaldesa de Lousame explicou que “hai 10 días estiven na Dirección Xeral de Mobilidade e xa enviamos unha solicitude por escrito para a inclusión de Lousame no Plan de Transporte Metropolitano de Santiago”.

Escola de música e cambios

Na súa parte dispositiva, o pleno aprobou a modificación da Ordenanza do Prezo Público da Escola de Música de Lousame, de feito que este curso o pago realizarase por cuadrimestres, en lugar do pago mensual establecido o ano pasado. Villaverde Pais explicou que o cambio se debe a que “ao facerse o pago mes a mes, houbo moitas devolucións bancarias e iso implica gastos bancarios”. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PP e BNG, e coa abstención do PSOE.

Así mesmo, aprobáronse dúas modificacións orzamentarias para o abono de facturas, unhas con cargo a 91.000 euros procedentes do superávit do Concello e outras con cargo a outras partidas de gasto non utilizadas. Acto seguido, aprobáronse dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para facer efectivos os dous acordos anteriores. As catro propostas foron acordadas cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.

Finalmente, e para evitar en gran maneira ter que acudir ao pleno para realizar este tipo de modificacións, os concelleiros aprobaron unha modificación das Bases de Execución do Orzamento do Exercicio 2015. Con este cambio, o grupo de Goberno seguirá tendo que elevar ao pleno a aprobación de calquera modificación orzamentaria que supoña a creación de partidas novas, pero poderá facer cambios nos conceptos, dos que serán informados todos os concelleiros. “Isto permitirá, por exemplo, pagar unha factura contemplada para decembro de 2014 pero que, pese a que o traballo foi feito, foi presentada en xaneiro de 2015”, exemplificou a alcaldesa de Lousame, quen indicou que este cambio “vai evitar atrasos á hora de abonar as facturas aos provedores”.